ECONOMÍA E FACENDA

Un proxecto de Tesouraría Municipal detecta máis de seis mil vivendas que non están dadas de alta no censo de recollida de lixo

22/10/2020 A concelleira de Economía e Facenda, Marta Abal, presentou hoxe o proxecto que está levando a cabo a Tesouraría Municipal para proceder á rectificación censual do padrón de lixo. O obxetivo é incorporar, de oficio, ao censo de recollida de lixo, todos aqueles inmobles que contan co servizo pero non están incluídos. Cotabilizáronse, en total, 6.160 vivendas que non están dadas de alta, segundo a verificación realizada polo departamento a través de distintas bases de datos; das que, calcula a concelleira, 3.820 serían aptas para incluirse no padrón, unha vez revisada a súa habilitabilidade e o cumprimento das condicións esixidas nas ordenanzas municipais.

Segundo explico Marta Abal, a incorporación no padrón censual realizarase, previo aviso aos administrados, "aos que se lles concederá un prazo de 10 días hábiles para que aleguen o que consideren oportuno". Está previsto que a próxima semana comecen a enviarse as primeiras notificacións, comezando polo ámbito urbano. A concelleira destacou a proba piloto que se realizou do proxecto, que revelou "unha eficacia superior ao 91%: 196 das 215 vivendas que recibiron a notificación, foron dadas de alta no censo de lixo".

O proceso, subliñou Marta Abal, comezou coa verificacion e depuración da información de tres bases de datos: catastro, vivendas do padrón de habitantes, e de contratos de auga e lixo de Viaqua; unificándoa coa información da base de datos de Tesouraría. Como resultado, sinalou "detectamos 6.160 vivendas, que non están dadas de alta no censo da taxa por recollida de lixo". Delas 3.277 corresponden ao ámbito urbano, 1.726 a núcleos rurais, e 1.157 ao rural.

O segundo paso do proxecto é verificar se esas vivendas cumpren as condicións da ordenanza, é dicir, se dispoñen do servizo e se cumpren a distancia de 200 metros que ten que haber entre a vivenda e o contedor de lixo. Ao efecto, indicou Marta Abal "incorporamos recentemente un delineante á Tesourería Municipal para verificar o cumprimento da distancia". De momento, deses 6.160 inmobles detectados, revisáronse un total de 3.292 divididos nos seguintes ámbitos

1.974 no ámbito urbano. 561 cumpren a distancia de recollida en días alternos e 1.385 a diario. 28 incumpren a distancia en días alternos e cero incumpren a distancia a diario.

1.053 nos núcleos rurais. 908 cumpren a distancia de recollida en días alternos e 3 a diario. 142 incumpren a distancia en días alternos, e cero incumpren a distancia a diario.

265 no rural. 158 cumpren a distancia de recollida en días alternos e 10 a diario. 972 incumpren a distancia en días alternos, e cero incumpren a distancia a diario.

Unha vez reciban a notificación, os administrados teñen un prazo de 10 días hábiles para presentar alegacións, como, explicou a concelleira "que o inmoble fose dado de alta nos últimos meses, dende que se iniciou o proxecto; que estea agrupado con outro que xa tributa por lixo; que non sexa habitable aínda que non teña declarada a situación de ruína; ou que exista algún erro no tratamento da información". En todo caso, na notificación inclúese un número de teléfono para resolver as dúbidas xurdidas, e a maiores habilitarase un espazo nas oficinas que o Concello ten en Galeras para recoller todas as alegacións. Marta Abal calcula que unha vez remate este proceso, poderíanse dar de alta 3.820 inmobles no censo do lixo, cuns ingresos aproximados de 290.000 euros anuais.

Este proxecto contou cun programa piloto, no ámbito urbano, sobre unha mostra de 268 inmobles. Notificóuselle a posible incorporación ao censo a 215 e outros 53 están en trámite (por enderezo incorrecto, descoñecidos, ausentes, etc.) Dos notificados, de momento déronse de alta 196. Isto revela unha eficacia do proxecto dun 91,16%. A concelleira calcula que ao final de ano estea resolto o proceso. A continuación, engadiu, está previsto revisar o censo de actividades, é dicir, inmobles destinados a uso comercial, empresarial, industrial, etc.

Compartir: