ALCALDÍA

Xuntanza co presidente do Consello Regulador da IXP Vacún de Galicia

22/10/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu hoxe a Jesús González Vázquez, presidente do Consello Regulador da IXP Vacún de Galicia. No encontro, no que tamén estiveron presentes a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, e Foro Hérnandez, asesor da IXP, falouse do proxecto de obra da sede da entidade, ao que xa se lle concedeu a licenza de execución o pasado mes de maio.

A sede do Consello Regulador da IXP Vacún de Galicia (Ternera Gallega) estará situada na parcela EQ-2 do SUNP-5, na zona da Muiña, preto do Mercado de gando de Amio. A carne comercializada baixo o amparo desta indicación xeográfico protexida é exclusivamente de tenreiros nados, criados e sacrificados en Galicia, que proceden de razas autóctonas e os seus cruces e que superaron un riguroso programa de control integral.

O control abarca desde o nacemento dos tenreiros, a súa crianza, alimentación e coidados sanitarios, ata o seu sacrificio e presentación da carne nos puntos de venda, todo iso de acordo co establecido na lexislación vixente. A alimentación dos tenreiros baséase no leite materno, forraxes e concentrados procedentes de vexetais e exentos de calquera subproducto animal ou sustancia prohibida. Ese control do proceso permite que a carne comercializada baixo a denominación de orixe Ternera Gallega teña a máxima calidade e garantía.

Compartir: