IGUALDADE

Tres expertas na trata coinciden ao sinalar que España é un dos paises europeos nos que máis explotación sexual de mulleres se rexistra

21/10/2020 España é un dos países europeos onde máis explotación sexual de mulleres se rexistra. Así se puxo de manifesto no webinario "Explotación, violencia e pobreza", enmarcado no programa "Sen cómplices non hai trata", que desenvolve o concello de Santiago a través do departamento de Igualdade. No webinario, seguido por cerca de 50 persoas, participaron tres expertas en temas de trata: Mabel Lozano, escritora, presentadora e actual directora de documentais; Susana García Baquero, fiscal xefa do Xulgado de Vigo; e Lourdes Pazo, coordinadora técnica da Asociación Vagalume de Santiago.

As tres participantes coincidiron en sinalar a "pobreza" como un dos problemas que están detrás da trata, incidiron na vulnerabilidade das vítimas; e explicaron que, co tempo, o exercicio da prostitución trae consigo un deteriorio non só físico, senón tamén psicolóxico.

Mabel Lozano, como directora de cine social e experta neste problema, achegou varios vídeos en cada un dos cales trataba un tema diferente relacionado coa trata con fins de explotación sexual. Ademais, apelou á necesidade de chamarlle ás cousas polo seu nome, e, polo tanto, usar palabras como ‘mafia’ e ‘escravitude’ cando nos referimos a este fenómeno.

A fiscal Susana García Baquero proporcionou importante información de tipo legal e descoñecida pola maioría das persoas do noso país. Como dato positivo, anunciou que se están a poñer os alicerces e a alcanzar metas importantes nesta materia. Por outra parte, destacou a necesidade de formar ás forzas de seguridade, entre outros obxectivos, para que conten cunhas pautas a seguir cando falan ou entrevistan a estas mulleres. Tamén incidiu na importancia de acabar, a nivel legal, co testemuño da vítima. Conectado co tema da pobreza, sinalou que cada vez hai máis inmigrantes de países pobres vítimas da trata no noso país. En canto a temas lexislativos, salientou que no Estado Español non se penaliza o proxenetismo, a diferenza doutros países da nosa contorna, polo que é frecuente oír dicir que "España é o prostíbulo de Europa". Para finalizar, referiuse á necesidade de modificar o Código Penal e penalizar, ademais de ao proxeneta, ao consumidor.

Lourdes Pazo, coordinadora técnica do programa Vagalume, falou do traballo directo que a asociación realiza coas mulleres, obrigadas a exercer a prostitucion: proporciónanlle unha atención integral, que vai desde a acollida (en pisos e centros de día) ata a asesoría xurídica, atención psicolóxica e orientación laboral. Referiuse tamén á existencia en Galicia da Rede Galega contra a Trata, sen esquecer que é esencial que haxa unha lei integral contra a trata.

Compartir: