TURISMO

Sindo Guinarte clausura a xornada formativa para o sector de congresos no contexto do Covid-19

16/10/2020 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, clausurou o curso Adaptación ao Contexto Actual e Recuperación do Turismo MICE, dirixido ao sector dos Congresos, Reunións, Eventos e Incentivos da cidade, que se celebrou esta mañá ás 11.30 no Palacio de Congresos, cun formato híbrido con asistencia de público fisicamente, respetando en todo momento as medidas de control sanitario, e coa posibilidade de asistir On-line.

No evento, organizado por Turismo de Santiago, a través do Santiago de Compostela Convention Bureau, participaron máis de vinte profesionais do sector de organización de congresos e eventos de Santiago, entre espazos para eventos, hoteis, Organizadores profesionais de congresos, axencias de eventos, empresas de catering, servizos audiovisuais. A xornada foi impartida por Asun Paniagua, experta do Grupo Eventoplus, empresa líder na formación e información sobre o sector dos Congresos en España.

O sector da organización de congresos é un dos máis afectados a nivel global pola crise xerada polo Covid-19. Neste contexto, a volta á organización de eventos require repensar produtos, montaxes, protocolos e argumentos de venda. Pero tamén entender ben que sectores, segmentos e tipos de eventos teñen máis potencial na situación actual.

O obxectivo da xornada, que contou co apoio da Deputación da Coruña, foi reflexionar conxuntamente sobre que ofrece Santiago como destino, que argumento pode aportar aos organizadores de eventos e como colaborar co seu conxunto de provedores para posicionarse e aportar valor. Trátase de actualizar a estratexia en función das circunstancias actuais e poder estar listos para o momento post-Covid.

Compartir: