IGUALDADE

O concello de Santiago lanza a campaña "Sen cómplices non hai trata"

16/10/2020 A Concellería de Igualdade do Concello de Santiago lanza un ano máis unha campaña de sensibilización social contra a explotación sexual de persoas con motivo da celebración do Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos que se celebra o vindeiro domingo 18 de outubro.

O lema desta edición: "Sen cómplices, non hai trata" busca facer evidente a vocación escravista da trata, ao tempo que procura abrirlles os ollos ás persoas que aínda ven a prostitución como un oficio.

Para a primeira tenente de alcalde e responsable da área de Igualdade, Mercedes Rosón, a prostitución é aínda "un virus sen vacina", que non se detén ante nada e que mesmo saca proveito de contextos de alarma sanitaria, como o derivado da Covid-19, xa que os clientes habituais destes clubs cren que a situación que estamos a vivir os beneficia debido á vulnerabilidade destas mulleres, que poden estar dispostas incluso a baixar as súas tarifas e aceptar prácticas sexuais máis violentas.

A acción promovida pola Concellería de Igualdade ten como un dos seus principais obxectivos chegar aos mozos, entre os que se está estendendo a idea de que frecuentar os prostíbulos é tamén unha modalidade de lecer.

A campaña conta con elementos gráficos nos que se pon de manifesto a vinculación evidente entre a trata de persoas e os secuestros, violacións ou asasinatos perpetrados polas mafias contra mulleres, nenos e nenas. Por iso, nos carteis convídase a escanear un código QR, que permite ver qué se agocha tras as imaxes.

Un webinario con expertas
Dentro deste programa, ocupa un lugar destacado o webinario "Explotación, violencia e pobreza. A trata, un virus sen vacina", que terá lugar o mércores 21 de outubro, a partir das 11.00 h, e no que participarán Mabel Lozano, escritora, presentadora e actual directora de documentais; Susana García Baquero, fiscal xefa do Xulgado de Vigo, e Lourdes Pazo, coordinadora técnica da Asociación Vagalume de Santiago.

Quen queira inscribirse no webinario e participar no debate, deberá enviar un email ao enderezo nonatrata@gmail.com, que lles remitirá a un link da plataforma Cisco Webex, desde o que poderán seguir as exposicións das tres participantes e formular as súas preguntas.

A prostitución: o negocio da vergoña
O propietario dun club onde estean exercendo a prostitución 20 mulleres pode obter uns ingresos medios de 1.900 euros diarios (57.000 € ao mes), supoñendo que as persoas vítimas da trata realicen 5,5 servizos por día e que o establecemento quede co 40% do diñeiro xerado por estas.

Neste cálculo non se inclúen os ingresos por venda de alcohol nin o aloxamento diario das mulleres (50 € diarios pola comida e a hospedaxe, por termo medio), nin outros gastos que se lles acostuman cobrar ás mulleres que son explotadas en locais de alterne e que poderían chegar a duplicar o beneficio económico dos proxenetas.

Un de cada cinco homes en España recoñece ter pagado por servizos sexuais (segundo un estudo elaborado pola Universidade Pontificia de Comillas). Na actualidade non hai estudos oficiais que contabilicen cantas persoas exercen a prostitución en España, aínda que diversos expertos e expertas apuntan a que como mínimo o 80% de quen exerce a prostitución o fai contra a súa vontade.

Compartir: