ALCALDÍA

O alcalde anima a non baixar a garda nestas vindeiras semanas para poder manter a "estabilización" de casos activos de COVID

09/10/2020 Segundo a información distribuída pola Xunta de Galicia, o concello de Santiago atópase en zona laranxa en canto a casos activos de COVID-19, o que require, en palabras do rexedor compostelán, dun esforzo e de responsabilidade por parte de todos porque "pasar a vermello sería unha moi mala noticia", en especial para sectores vinculados ao turismo.

A eles se refereriu esta mañá en rolda de prensa o alcalde, que quixo facer fincapé no apoio que dende o Concello se está brindando aos sectores do comercio, hostelería e hotelería. Sánchez Bugallo lembrou que no día de onte se aprobou o decreto que regula a colocación en terrazas de mamparas, elementos calefactores e outros "para continuar facilitando o exercicio desta actividade económica". Isto súmase á posibilidade de que os locais de ocio nocturno que cumpran coa normativa poidan solicitar a ampliación de licenza e funcionar como café-bar.

Tamén no día de hoxe o alcalde, acompañado polos concelleiros de Facenda, Marta Abal, e de Turismo, Sindo Guinarte, mantivo un encontro con representantes de Unión Hotelera. "Para nós son un sector fundamental e imos contar con eles activamente" nas cuestións que lles afecten. Entre os asuntos tratados, abordáronse temas fiscais e a participación do sector no desenvolvemento do Plan de Sostibilidade Turística e nas campañas de promoción da cidade. A este respecto, o alcalde anunciou a posta en marcha dunha campaña no primeiro semestre do ano que vén que incida en Santiago como un destino familiar seguro. Coa caída do turismo de congresos o rexedor sinalou que este turismo familiar é unha boa opción para recuperar o número de visitantes e indicou que se traballará nesta e noutras liñas para que "o segundo semestre de 2021 sexa bo e o 2022, espectacular".

Tamén se tocou na xuntanza a organización de actividades para o Nadal. Sánchez Bugallo indicou que se está traballando o programa con todos os sectores e anunciou que se reforzará a iluminación e que "haberá mercadiño, pista de xeo en Área Central e Cabalgata", aínda que reformulada.

Cifras da COVID en Santiago
"E todo isto temos que facelo nun contexto que non nolo pon nada fácil", lembrou o rexedor que desvelou que a día de hoxe hai na cidade 190 casos activos. Fixo un chamamento, de novo, á responsabilidade de todos para non pasar a un estadío superior, o correspondente á cor vermella. "Pasar ao grado dous, cor amarela, sería unha moi boa noticia, porque significaría unha estabilidade nos casos activos e ademais anticiparía unha tendencia descendente", lembrou. En Santiago "nunca superamos os 210 casos pero tampouco baixamos de 160", polo que "debemos esforzarnos máis".
Lembrou aos máis novos a súa reponsabilidade durante o tempo de lecer e recordou que a policía local está a tramitar todas as propostas de sanción impostas por ruidos en vivendas. A pasada noite foron 20; 35 contando desde o domingo.

Sobre os casos activos entre os traballadores municipais, o alcalde fixo referencia aos dous existentes: un no servizo de intervención e o outro na Casa das Asociacións de Benestar Social. O SERGAS xa se está poñendo en contacto cos empregados afectados para a realización de probas e, en función dos resultados, os servizos poderían volver a funcionar con normalidade "a finais da semana que vén ou principios da seguinte".

Compartir: