ACCIÓN CULTURAL

"A cor das palabras" reprograma catro encontros no cinema Numax que permitirán descubrir o proceso creativo dunha obra cinematrográfica

09/10/2020 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón e Xan Gómez Viñas, programador do Cinema Numax, presentaron os contidos dos próximos encontros de "A cor das palabras", organizado polo concello de Santiago e Numax. Son catro xornadas que se desenvolverán no cinema Numax os días 17 de outubro, o 7 e o 22 de novembro, e o 13 de decembro, e que tratan sobre a incorporación de efectos sonoros á grabación a través do método de Jack Foley; o proceso creativo dunha obra cinematográfica; a reflexión a través dun documental de gran contido social; e a creación de imaxe.

Mercedes Rosón destacou que "A cor das palabras" "non se centra só na narrativa visual do cinema. "Mergúllannos noutros efectos cinematográficos que lle dan veracidade a historia, e elevan o nivel emocional do espectador". A concelleira convidou a inscribirse "a todas aquelas persoas que lle gusta o cinema", porque engaiu, "un filme non é so a imaxe e o son. É todo un proceso creativo que vai máis ala do que nos mostra a pantalla. Canto máis o coñezamos, máis o apreciaremos".

Xan Gómez cualificou as xornadas como un "espazo de proximidade, un lugar de encontro cos cineastas", que permite descubrir os "segredos que se agochan detrás dunha película". Destacou ademais, que neste ciclo, previsto en principio para febreiro e marzo pero reprogramado por mor da pandemia, "hai unha posta en valor do talento galego" xa que tres das catro citas están protagonizadas por cineastas galegos". Tamén contribúe, engadiu, a pór en valor "determinados oficios que moitas veces non teñen a visibilidade que merecen e que van dar lugar a moitas sorpresas".

PROGRAMA
O primeiro deses catro encontros terá lugar o sábado, 17 de outubro, ás 11:30 h. baixo o título "Os efectos do son no cinema". Será impartido por Miguel Barbosa e Diego Staub, á fronte da compañía Sound Troop, que conta cun importante prestixio a nivel internacional no mundo do foley, un dos oficios máis peculiares e ocultos do cinema, que consiste na creación de sons para un filme a partir de moi diferentes e creativas técnicas. Barbosa e Staub levan anos destacando nesta disciplina, traballando para cineastas do nivel de Alice Rohrwacher (Lazzaro feliz), Pedro Almodóvar (Julieta), Paco Plaza (Verónica) ou Nely Reguera (María y los demás). A xornada completarase ás 16:30 coa proxección de Lazzaro feliz, da directora italiana Alice Rohrwacher, gañadora do premio ao mellor guión en Cannes 2018. Barbosa e Staub son os creadores dos efectos foley do filme.

A segunda xornada será o sábado, 7 de novembro, ás 11:30 h. Contará coa presenza de Lois Patiño, un dos maiores talentos do Novo Cinema Galego, o cineasta que deslumbrou en 2013 con A Costa da Morte (Mellor Director Emerxente en Locarno). Agora presenta o seu novo traballo: Lúa vermella. No encontro, Patiño achegaranos ao proceso creativo da obra coa que vén de gañar a Biznaga de Prata na sección ZonaZine do Festival de Málaga. Unha peza magnética que nos mergulla nun pobo da costa galega paralizado polas voces de pantasmas, bruxas e meigas que os seus veciños din escoitar.

Na terceira xornada, o domingo 22 de novembro, ás 11:30 h. "A cor das palabras" recibe a visita de Luis López Carrasco, que nos achega unha das obras máis ambiciosas, no plano político e no cinematográfico, do cinema actual, El año del descubrimiento. Mentres a televisión e os medios tiñan a vista posta nos Xogos Olímpicos de Barcelona, a Expo'92 e o centenario do Descubrimento de América, en Cartaxena o desmantelamento industrial e naval dá lugar a fortes protestas que culminan co incendio do parlamento rexional. A obra de López Carrasco reflexiona sobre o proceso desindustrializador cuxas consecuencias seguen a sentirse nos nosos días. Unha obra monumental, de máis de 3 horas de duración, que tivo a súa estrea no Festival de Rotterdam e gañou a mellor filme no Cinéma Du Réel de París.

A cuarta e última xornada desenvolverase o 13 de decembro, tamén ás 11:30 h. Lucía Catoria Pan profundará nos principais oficios do cinema. A directora de fotografía, natural de Cambre, tense consolidado como unha das profesionais de maior prestixio do Novo Cinema Galego, creando a imaxe de obras como Matria (Mellor curtametraxe en Sundance), Dhogs e Trote (ambas galardoadas co Premio Mestre Mateo á Mellor Fotografía) ou a máis recente Eroski-Paraíso.

As catro xornadas desenvolveranse no cinema Numax. A entrada é libre ata completar aforo. Pódese reservar praza a través do correo electrónico acordaspalabras@santiagodecompostela.gal, indicando nome completo e número de contacto.

Compartir: