ALCALDÍA

O alcalde amosa a súa satisfacción ante a contención na última semana das cifras de afectados pola COVID na cidade

02/10/2020 Xosé Sánchez Bugallo avaliou esta mañá en rolda de prensa a situación da pandemia no Concello a congratulouse porque os datos amosan "unha certa estabilización", aínda que remarcou que non se pode baixar a garda.

Para o rexedor estes datos reflexan, por un lado, o esforzo das forzas e corpos de seguridade na vixilancia das festas nos pisos e dos parques da cidade para evitar botellóns; e, por outro, un maior grado de concienciación entre a poboación nova. "O esforzo en materia de denuncias e de sensibilización cidadá está dando os seus froitos", salientou o rexedor, que indicou que de 28 denuncias por ruidos en pisos o xoves pasado se pasou a 10 este xoves. No acumulado por semanas, mentres que entre o 21 e 27 de setembro a Policía local se persoou en 63 pisos, entre o 28 e o 2 de outubro fíxoo en 20 (á espera dos datos desta fin de semana), "unha reducción significativa, aínda que non suficiente". O rexedor quixo lembrar que todas as denuncias que o Concello pon en base á sua ordenanza por ruídos nas vivendas están a ser tramitadas.

Aínda tendo en conta a estabilización nas cifras, o alcalde lembrou que "a semana máis perigosa é a quen vén" polo que "temos que manter a presión" para impedir un aumento de contaxios e "así evitar tomar medidas máis restritivas" ou, incluso, poder flexibilizalas. "O principal é protexer a saúde da cidadanía", lembrou o rexedor compostelán.

Comedores escolares
Na súa comparecencia semanal, o alcalde fixo tamén un repaso do estado do servizo de comedores escolares nos centros educativos do concello. "Todas as familias que concretaron a súa solicitude teñen comedor", indicou Sánchez Bugallo, que lembrou que hai arredor dunhas 200 familias que reservaron praza pero no fixeron uso da mesma nin confimaron se o van facer no futuro. Nestes casos, teñen de prazo ata o día 8 de outubro para confirmar a praza ou deixala libre.

En canto aos esporádicos (aqueles ususarios que non concretan si van facer uso do servizo nin cando), o alcalde lembrou que se está á espera da resposta da Consellería de Educación á cuestión formulada polo Concello sobre as condicións precisas para poder atender estas demandas concretas. "Arredor do 8 poderiamos sabelo", avanzou, co que o departamento xa podería traballar coas cifras definitivas de usuarios. O alcalde desvelou que aproximadamente o 96% dos nenos e nenas que solicitaron comedor o ano pasado están empregando o servizo este ano tamén e "nas vindeiras semanas chegaremos ao 100% e nalgúns centros incluso haberá máis que en anos anteriores", indicou.

Orbitaliño
Preguntado sobre o estado do Orbitaliño, o alcalde informou de sendas reunións que mantivo a semana pasada con responsables da demarcación de estradas de Galicia e co secretario de estado de Infraestruturas. "Agardamos que as nosas alegacións, que son bastante coincidentes coas da Federación de veciños do rural, teñan unha aceptación notable", salientou Bugallo, que desvelou que a proposta do Concello suporía unha "reducción moi substancial" do custo da obra pois aproveita o traballo feito desde Emuvissa, tanto no relativo ao proxecto como nas expropiacións. O alcalde tamén informou da firma do contrato para o comezo da obra do Orbital. "Estanse cumprindo os prazos", congratulouse.

Compartir: