ACCIÓN CULTURAL

Este sábado 3 de outubro chega o jazz aos barrios da Peregrina, O Romaño e Vista Alegre

01/10/2020 Jazz da Rúa Nova é un programa que se desenvolverá nas marxes do Jazz valorizando o patrimonio musical local ao redor deste estilo. Terá lugar o vindeiro 3 de outubro nos barrios da Peregrina e do Romaño/Vista Alegre. Roteiro con intervencións artísticas, palestra sobre o jazz en Compostela, unha performance e un concerto para presentar un novo proxecto coa revisión das cantigas medievais en clave jazzística. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou a segunda edición do festival Jazz da Rúa Nova, acompañada do seu director artísitico, Ramón Pinheiro, e do músico Pablo Sanmamed.

Como lembrou a concelleira, o Jazz forma parte da cultura musical compostelá desde hai máis de un século. A fins do XIX no Café Casino xa se organizan bailes nos seus grandes salóns ao son do cake-walk. Logo virían os anos do Charlestón e as Jazz-band que se presentaban no lendario QuiQui bar. Xa para fins do s.XX a cidade comeza a albergar progresivamente concertos, clubs, bandas, escolas... No s. XXI chega a madurez e con ela as novas creacións fundamentadas no patrimonio musical local. Esta é a segunda edición dun programa que comezou no 2019 co I Jazz da Rúa Nova con concertos no Teatro Principal, "unha programación que quere profundar en experiencias derivadas da nova cultura do Jazz galega e compostelá", indiciu o seu director, Pablo Pinheiro.

Para a II edición apóstase por sacar o jazz do confinamento en bares, salas e teatros e levalo de forma natural e lúdica ás parroquias, deseñando actividades lúdicas e integradoras pensadas para contar, ademais do público incondicional do xénero, coa participación de público familiar e interxeracional. A programación concentrada na xornada do sábado 3 de outubro, convida a cidadanía a mergullarse e facer parte da nosa particular e diversa "cultura do Jazz" incluíndo roteiros, poesía, performance, conferencias e concertos. As actividades desenvolveranse no norte do Concello, as da mañá na parroquia da Peregrina e as da tarde no Romaño.

Programa
Roteiro. Ornitology. Con Nastasia Zürcher e Ramón Bermejo; Quico Cadaval.
12 h. Paseo circular da Peregrina. Saída desde o quiosco da música. En caso de choiva, no CSC da Peregrina.

Performance. Rosas Negras. Con Chefa Alonso e Marina Oural
13h. CSC da Peregrina.

Palestra. As orixes do Jazz en Compostela. Con Beatriz e Alberto Cancela
19h. CSC do Romaño

Concerto. Pablo Sanmamed: Ben vennas Maio. Con Begoña Olavide (salterio e voz), Elena Tarrats (voz), Xurxo Varela (viola de gamba), Iago Mourinho (piano), Chus Pazos (batería) e Pablo Sanmamed (dirección e contrabaixo).
20.30h. CSC do Romaño

Reserva de entradas
As actividades son de balde con aforo limitado e controlado nas normas de distancia e hixiene actuais. As entradas deben reservarse enchendo este formulario cun máximo de dúas entradas por reserva.

Correo electrónico: reservas@folque.com

Programa extendido
Ornitology. Con Nastasia Zürcher e Ramón Bermejo; Quico Cadaval.
Esta iniciativa consiste nun singular Roteiro circular, de dificultade baixa, que transcorre pola contorna da parroquia da Peregrina. Contará cun máximo de 40 participantes. No seu desenvolvemento haberá distintas paradas nas que intervirán o narrador Quico Cadaval e as voces do canto de Natascha Zucker e Ramón Bermejo. Historias do Jazz de Compostela, Jazz voices e unha escoita activa dos cantos dos paxaros para homenaxear ao clásico Ornitology de Charlie Parker.

Rosas Negras. Con Chefa Alonso e Marina Oural
Rosas Negras é unha proposta artística interxeracional cunha aposta pola improvisación libre na música e a voz na declamación natural. Xúntanse dúas creadoras de ámbitos moi diferentes na procura do fío que as une: compartir arte escénica para mellor saúde. Música, texto, corpo e voz, deixan o silencio fluir para maior escoita do verso como se de pétalos se tratase. Marina Oural e Chefa Alonso, criban a semente das rosas e tocan as espiñas, cunha intención clara de fincarse no radical, na raíz profunda onde comeza a vida e se anuncia a morte. Unha proposta escénica para todos os públicos, para que a vida suceda nunha creación moi persoal ao longo de 45 minutos.

As orixes do Jazz en Compostela. Con Beatriz e Alberto Cancela
A musicóloga compostelana Beatriz Cancela é unha profunda coñecedora do patrimonio musical de Santiago e atesora prestixiosas e premiadas publicacións monográficas como as dedicadas a Santiago Tafall, a Banda de Música Municipal ou a familia Courtier. Para a presente edición de Jazz da Rúa Nova Beatriz nos sorprenderá, en colaboración co tamén musicólogo Alberto Cancela, coas descubertas da súas investigacións inéditas sobre a historia do Jazz en Santiago.

Ben vennas Maio. Con Begoña Olavide (salterio e voz), Elena Tarrats (voz), Xurxo Varela (viola de gamba), Iago Mourinho (piano), Chus Pazos (batería) e Pablo Sanmamed (dirección e contrabaixo).
Pablo Sanmamed ofrece unha visión contemporánea sobre a música trovadoresca tendo como punto de partida as cantigas de Afonso X e Martín Códax. Na estética musical do proxecto conviven elementos dispares de orixe como a lingua galego-portuguesa, as melodías coetáneas de influencia arábigo-andalusí e uns arranxos na sección harmónica e rítmica coa linguaxe do jazz contemporáneo. Unha selección única de voces, timbres, sonoridades, textos e melodías. Un proxecto único e inédito que se presenta en concerto para este Jazz da Rúa Nova que se publicará a finais de ano publicado nun disco vinilo.

Documentos relacionados



Compartir: