MEDIO AMBIENTE

Santiago recolle o premio "Aire limpo" que a acredita como a cidade coa mellor iniciativa destinada a incrementar a calidade do aire dos seus habitantes

01/10/2020 Santiago de Compostela recibiu hoxe o galardón do II Premio Aire Limpo, organizado pola Plataforma X Aire Limpo, que a acredita como a cidade menor de cen mil habitantes máis comprometida coa calidade do aire que respiran os seus cidadáns e cidadás. O fallo do xurado- formado por investigadores de prestixio e asociacións profesionais da calidade do aire- coñeceuse en xuño deste ano, pero a entrega do galardón realizouse hoxe.

O acto contou coa presenza de Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde do Concello de Santiago, e de Mila Castro, concelleira de Medio Ambiente, ademais dos representantes dos grupos municipais, do técnico responsable do proxecto, Rafael Rodríguez, e do representante da Plataforma X Aire Limpo, Juan Carlos García, que lle fixeron entrega ao Concello dun exemplar de Davinia Involucrata, árbore moi estendida ao longo de Galicia. Foi plantada entre todos no parque da Alameda para visibilizar os esforzos da localidade en calidade do aire.

Na categoría de cidade menor de cen mil habitantes, o xurado destacou a singularidade de Santiago de Compostela. O proxecto presentado é unha iniciativa conxunta entre administracións públicas e universidades de Italia e España que aúna esforzos para comprender o impacto que teñen os fluxos de tráfico na calidade do aire. O seu rigor científico, a utilización de novas tecnoloxías e o desenvolvemento de servizos innovadores e sustentables para producir nova información robusta, rápida e fiable foron merecedores dunha valoración positiva por parte do xurado.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, amosou o seu agradecemento á asociación Plataforma X AireLimpio, que concede o premio; aos socios do proxecto TRAFAIR e ao anterior goberno, que iniciou o programa. "O que intentamos", sinalou, "é facer cousas en beneficio" da veciñanza. Santiago é unha cidade, continuou, que se sinte orgullosa "do seu patrimonio, da súa historia, pero tamén dos seus parques e das zonas verdes, dispoñibles para disfrute da cidadadanía, que tamén contribúen a posiblitarnos un aire limpo". A calidade do aire, sinalou, é calidade de vida, e tamén é saúde.

Aínda que Compostela é unha das cidades con mellor calidade de aire, o alcalde comprometeuse a seguir traballando para melloralo. Engadiu que o proxecto TRAFAIR permite dúas cousas importantes: incorporar novas tecnoloxías e establecer un sistema de medición controlado pola USC, o que significa "unha doble garantía", e permite saber, en cada momento, cal é a calidade do aire que respiramos por zonas. Isto, continúa "facilítanos establecer plans de futuro", porque "sabemos onde priorizar as actuacións, por exemplo en materia de reducción de tráfico, para manter eses estándares que queremos ter".

Juan Carlos García, director de cambio climático da Plataforma X Aire Limpio, destacou que con esta distinción, quérese premiar a aqueles concellos innovadores, que supoñen un exemplo para que os demais os sigan. Neste contexto, continúa, é onde se premia á cidade de Santiago, porque co desenvolvemento do proxecto TRAFAIR, demostran "que non quedan cuns estándares tan bos, se non que continúan avanzando cara un estándar" que lles permitirá ser pioneiros no resto de España, en canto a caliade do aire. O xurado, engadiu, recoñece a innovación do proxecto, o uso de novas tecnoloxías, a colaboración internacional e cre que é un exemplo a seguir polos demais.

Rafael Rodríguez, técnico de innovación do Concello de Santiago, explicou o proxecto TRAFAIR, que conta, dixo, cunha rede de sensores da calidade do aire, que proporcionan e proporcionarán no futuro os datos que se precisan para facer as prediccións. José Ángel Taboada, investigador da USC no proxecto, indicou que permite "unha transferencia directa dos nosos coñecementos á experiencia á cidadanía". Un proxecto con moitos obxectivos, precisou, que requeriu do traballo de moitos equipos multidisciplinares. Entre os resultados destacou a adquisición de información medioambiental a través de sensores de baixo custe, que pode reducir ata nun 90% o custe das infraestruturas necesarias para as capturas de datos e permite coñecer "a distribución dos contaminantes" pola cidade.

Patricia Argerey, presidenta do CESGA, igual que fixera José Ángel Taboada, agradeceu o premio, e recordou que son nove os socios europeos que participan no proxecto TRAFAIR. Destacou tamén o labor do CESGA, e as predicións que realiza "a 48 horas" sobre a calidade do aire. Lembrou que existen dúas aplicacións que se poden consultar para coñecer a calidade do aire en tempo real en distintas cidades.

O galardón
O II Premio Aire Limpo supón un recoñecemento aos concellos pioneiros na posta en marcha de accións como plans de mellora da Calidade de Aire, plans de Mobilidade Urbana Sustentables, ordenanzas municipais, campañas de divulgación, ou calquera outro tipo de iniciativas que reduzan a contaminación atmosférica.

Non en balde a mala calidade do aire é a principal causa ambiental de morte prematura entre os cidadáns da UE, segundo o último informe do Tribunal de Contas Europeo (TCE). Así, en España, do mesmo xeito que no resto de países da Unión, 9 de cada 10 españois que viven en contornas urbanas respiran un aire que pasa os límites de contaminación que establece a Organización Mundial da Saúde (OMS). Pero os seus efectos tamén son económicos: a contaminación cústalle a Europa preto de 1.400 millóns de euros anuais en custos asociados a enfermidades e falecementos, tal e como constatou a OMS nun informe publicado recentemente.

A concesión do 'II Premio X Aire Limpo' a Santiago de Compostela supón un importante paso adiante na visibilización de políticas públicas que revertan esta situación e que impacten de maneira positiva na saúde dos cidadáns.

A Plataforma X Aire Limpo, que aglutina a organizacións públicas, privadas e terceiro sector, ponse ao servizo das administracións locais para traballar e pór en marcha as medidas máis eficientes e que mellor se adapten ás circunstancias específicas de cada cidade. Así mesmo, é a primeira plataforma de España admitida na Federación Europea de Asociacións pola Calidade do Aire, o que lle permitirá compartir experiencias internacionais de utilidade para a súa aplicación no noso país.

A Asociación dotouse dun Comité Asesor, presidido por Yolanda Benito, directora do Departamento de Medio Ambiente do Centro de Investigacións Enerxéticas, Ambientais e Tecnolóxicas, e intégrano expertos da Escola Superior de Enxeñaría de Bilbao-UPV/EHU, Instituto de Saúde Carlos III, ECODES, a área de Enfermidades Respiratorias de orixe Ocupacional e Ambiental da SEPAR e do Observatorio Cidade 3R.

Compartir: