ALCALDÍA

A reformulación do Ano Santo, a recuperación do turismo e infraestruturas como a Intermodal e a EDAR centran a reunión entre o alcalde e o presidente da Xunta

22/09/2020 A xuntanza foi definida por ambos mandatarios como cordial, positiva e produtiva e serviu para repasar os temas pendentes na cidade que competen a ambas administracións. Os máis destacados: a reformulación do Ano Santo 2021 e a súa extensión ata mediados de 2022, o apoio ao Plan de sostibilidade turística presentado polo Concello, o financiamento da depuradora, e a loita contra a COVID.

Nun escenario de "crise sanitaria, económica e social", como sinalou o alcalde, ambos mandatarios quixeron salientar a colaboración e a lealdade institucional que rixe a relación entre Xunta e Concello. "Temos que traballar xuntos para minorar os efectos desta crise e para facer fronte aos danos que ocasiona", indicou o rexedor compostelán, que lembrou que Santiago é a "cidade galega que máis se está resentindo, polo elevado peso do sector turístico e pola súa internacionalización". Neste punto concordou Núñez Feijoo, que comprometeu o apoio da Xunta ao Plan de sostibilidade turística presentado polo Concello, un plan que suporá un investimento de 4 millóns de euros a financiar ao 33% entre as administracións local, autonómica e central.

Sánchez Bugallo quixo lanzar unha mensaxe de optimismo: "estou convencido de que entre Semana Santa e o verán estaremos recuperando o sector turístico e o número de peregrinos", e, polo tanto, o 2021 vai ser "un bo Ano Santo" no cualitativo. Ambas institucións traballan no plan para reformular o programa, tendo en conta que non se poderán celebrar eventos que conleven grandes aglomeracións. A este respecto, tanto o alcalde como o presidente recalcaron a importancia de que se poida ampliar a duración do Xacobeo ata mediados de 2022.

Ambos coincidiron en que outro pulo vital para a cidade sería a convocatoria do Real Padroado. "Atopei a Felipe VI na mellor das disposicións", indicou Núñez Feijóo, que manifestou a súa intención de "intentar reactivar esta reunión" para poder definir non só este Ano Santo senón tamén os vindeiros de 2027 e 2032.

Incidencia da COVID en Santiago e chamamento á responsabilidade
A pesar dunha melloría sostida nos últimos tres días, as cifras de incidencia da COVID na cidade sitúanse "un pouco por riba da media de Galicia", pero por debaixo da española, segundo sinalou Núñez Feijóo, que agradeceu ao alcalde a implicación do Concello durante a pandemia e a comprensión e o compromiso coas medidas restritivas aprobadas pola Xunta. Segundo indicou o presidente, estas manteranse mentres os datos non cheguen á media galega.

Ambos mandatarios fixeron un chamamento á responsabilidade de todos, en especial dos universitarios. Segundo sinalou Sánchez Bugallo, poñer freo aos botellóns e ás festas nos pisos "é unha prioridade. Hai un reforzo da policía local e falei co delegado para pedir o apoio da Policía Nacional".

Núñez Feijoo agradeceu, así mesmo, o traballo que está a facer o Concello no ámbito da limpeza dos centros escolares e na prestación do servizo de comedor. O presidente da Xunta anunciou a contratación de 88 profesores (66 en secundaria e 23 en infantil e primaria) para a área de Santiago.

Estación intermodal e EDAR
As grandes infraestruturas da cidade tamén estiveron sobre a mesa. Sánchez Bugallo indicou que "imos apostar para que estas dúas infraestruturas se incorporen ao Fondo de Reestruturación Europeo". Sobre a depuradora, Núñez Feijoo confirmou o apoio da Xunta no financiamento no caso de que non se consigan o 100% dos fondos necesarios. A respecto da Intermodal sinalou que "queremos entregala a finais de 2020, tanto a estación de autobuses como a pasarela". A reafirmación do compromiso co hub biotecnolóxico da Sionlla tamén foi outro dos asuntos tratados.

Outros temas
Núñez Feijóo e Sánchez Bugallo tamén abordaron outros temas de interese conxunto como as melloras no ámbito hospitalario (no Clínico e o centro de saúde de Conxo), a construción da residencia de maiores do Restollal e as obras na Catedral, na Cidade da Cultura ou no Museo do Pobo Galego.

Compartir: