POLÍTICAS SOCIAIS

O alcalde Sánchez Bugallo e a concelleira Mila Castro participan nos actos do Día Mundial do Alzhéimer

19/09/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado da concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, asistiu hoxe na Praza da Quintana, aos actos conmemorativos do Día Mundial do Alzheimer. Alí puideron observar a exposición "Tecendo rede, tecendo recordos", organizada por FAGAL (Federación Alzhéimer Galicia). O rexedor sinalou que neste momento tan complicado, o Concello vai seguir apoiando tanto as asociacións que traballan con pacientes de alzhéimer como as demáis entidades sociais.

"Tecendo redes, tecendo recordos, é o lema escollido este ano por FAGAL para conmemorar o Día Mundial do Alzhéimer. Simboliza o traballo que a entidade leva realizando desde hai máis de 20 anos coas 15 asociacións repartidas por todo o territorio galego e axuntadas todas na Federación Alzhéimer Galicia. Con esta mostra queren transmiritr que hoxe máis ca nunca, e despois da pandemia que estamos a vivir desde hai medio ano, quedou demostrada a importancia das terapias non farmacolóxicas para o mantemento e retardo do avance da enfermidade. Por iso, sinalan, o traballo da Federacion axuda a seguir tecendo os recordos dás máis de 5.000 persoas usuarias dassúas asociacións.

Nesa exposición pódense ver imaxes de persoas usuarias realizando algunha das actividades desenvoltas nos centros de día e servizos de estimulación. Ademais redactouse un manifesto no que se expuxeron as principais reivindicacións da federación: visibilizar a realidade do alzhéimer na nosa comunidade, dar a coñecer a labor que realizan as asociacións e as persoas coidadoras cos pacientes; sensibilizar sobre a importancia das terapias non farmacolóxicas no mantemento e retardo do avance da enfermidade; e por en valor a necesidade dun Plan Transversal de Demencias en Galicia.

A Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL) , é unha entidade sen ánimo de lucro que naceu en 1998 da unión de varias asociacións de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias (AFAs) coa finalidade mellorar a calidade de vida das persoas que sofren alzhéimer e dos seus coidadores.

Compartir: