ACCIÓN CULTURAL

Unha quincena de artistas actuarán no festival maré, que "renace" en Santiago do 24 ao 27 de setembro

18/09/2020 O festival de música e artes atlánticas maré presentou esta mañá en rolda de prensa no Hotel NH de Santiago de Compostela a primeira edición dunha nova etapa en Compostela tras a experiencia de 15 anos de Cantos na Maré en Pontevedra. Nesta edición condicionada pola pandemia, o festival celebrarase do 24 ao 27 de setembro, incluirá unha ducia de eventos e contará coa participación dunha quincena de artistas. Na rolda participou a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón.

Un dos principais atractivos desta maré será o seu cartel musical, que inclúe as actuacións do angoleño Toty Sa´Med e a galega Ugia Pedreira (xoves 24), a brasileira LaBaq e o trío formado por Nacho Muñoz, Faia e LAR Legido (venres 25) e os portugueses António Zambujo e Miguel Araújo, a luguesa Sabela, o grupo vigués Bifannah e a directora artística de cantosnamaré, Uxía (sábado 26).

Ademais, nesta edición maré integra o sábado 26 a celebración da Gala dos Premios da música e a poesía galego-portuguesas "aRimar", na que se distinguirá aos músicos António Zambujo e Sabela, aos poetas Carlos da Aira (Galicia) e Raquel Lima (Portugal) e á ex directora xeral da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP) e antiga Ministra de Comercio e Turismo de Cabo Verde, Georgina Benrós de Mello.

Na presentación de maré participaron o director de Nordesía Producións -organizadora de maré-, Vítor Belho; o director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela e do certame aRimar, Gonzalo Constenla; a cantante Ugia Pedreira; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; e a concelleira de Acción Cultural de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón.

"Oportunidade de traballo para artistas e profesionais"
O organizador de maré, Vítor Belho, explicou que a chegada deste acontecemento a Santiago débese a que "Compostela é o escenario ideal dende o que debuxar un mapa de conexións culturais, históricas e emocionais que coloquen a Galicia e o seu talento nunha maré de encontros, diálogos e intercambios". "O fin é que Galicia chegue ao mundo e o mundo chegue a Galicia", resaltou, antes de indicar que "esta maré tamén chega como unha oportunidade de traballo para artistas e profesionais, ao tempo que serve como unha válvula de escape para o público".

Pola súa parte, Gonzalo Constenla xustificou a integración da gala do certame aRimar en maré "polas limitacións para a organización dun evento desas características nun ano diferente e estraño" e por tratarse "dunha iniciativa irmá, con grande experiencia e renome en toda a Lusofonía".

Na súa intervención, Jacobo Sutil recoñeulles aos organizadores do festival "a súa capacidade de adaptación e de seguir evolucionando cara a novas fórmulas para constituirse nunha cita obrigada para público e profesionais, sen perder a fidelidade ao seu espírito de irmandande coa lusofonía a través da música".

"Santiago, epicentro deste macroevento cultural"
Finalmente, a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón, pechou o acto agradecendo a elección de Compostela "como epicentro deste macroevento cultural, artístico, social e profesional", que busca mesturar a creación, novos talentos e a industria musical, literaria, cinematográfica e gastronómica para buscar novos públicos.

Compartir: