CENTROS SOCIOCULTURAIS

A rede de centros socioculturais programa 157 actividades para a nova tempada 2020-2021

03/09/2020 A rede de centros socioculturais do concello de Santiago programou, para esta nova tempada 2020/2021, 157 actividades, con 1.385 prazas ofertadas, a maiores das deseñadas para as aulas de xogo e de lectura, a través de 10 programacións específicas que se desenvolverán en distintos centros dos barrios e do rural.

Presentounas o concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, que estivo acompañado das técnicas responsables de programación do departamento, Lourdes de la Cruz e Lupe Rodríguez; e de Miguel Pardellas, do Grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA), quen informou sobre o programa "Descarboniza! Que non é pouco!"

Javier Fernández sinalou que se respectarán "sempre" os límites de aforo marcados polas autoridades sanitarias de 10 persoas por actividade, así como a normativa que en cada momento dicte a Xunta de Galicia. Ao respecto explicou que "para garantir a seguridade e saúde das persoas usuarias, en todos os centros implantouse un protocolo de prevención con preinscricións online, rexistro de acceso, redución no número de prazas nas distintas actividades; e unha liña constante de reorientación dacordo coa situación que se rexistre en cada momento; e coas medidas das autoridades sanitarias".

Os programas deseñados están relacionados con diferentes temáticas, entre as que se atopan a cultura, a saúde e calidade de vida, ou as novas tecnoloxías. E tamén hai novidades. "Dada a excepcionalidade da situación na que nos atopamos, as liñas de traballo incidirán na cercanía coa cidadanía, buscando novos medios de contacto a través das redes sociais e as novas tecnoloxías, como xa se fixo nos meses anteriores. Tamén quero poñer en valor o "Programa de maiores na casa" e as liñas de contactos coa veciñanza en caso de non poder acercarse ao centros", sinalou o concelleiro.

A intención do departamento de centros socioculturais é que todas as actividades sexan presencias, pero, engadiu Javier Fernández, "non descartamos, en caso de que a situación o requira, realizar estas actividades on-line".

A preinscripción será vía on-line, a través da web do concello. O prazo comeza o próximo día 7 e remata o 18 de setembro. En casos excepcionais, cando a situación o requira, poderase realizar de xeito presencial. Está previsto que as actividades comecen a primeira semana de outubro.

ACTIVIDADES
Lourdes de la Cruz, técnica de programación do departamento de Centros Socioculturais, destacou que dada a situación de excepcionalidade provocada pola crise sanitaria, "hai un traballo importante de reorientación de cara á veciñanza", en especial, sinalou, cara aqueles colectivos, como os maiores, que non se poden achegar tanto aos espazos físicos e cos que se tenta, en todo momento, manter a proximidade.

Entre as dez liñas programaticas antes citadas destaca a liña de promoción cultural, con 54 espectáculos. Os centros acollen tamén neste apartado, exposicións diversas, actividades relacionadas coa cultura tradicional, ou proxectos como o de teatro comunitario, no que participarán 15 grupos de afeccionados á dramaturxia, tanto de menores como adultos. Está previsto que todo este traballo se plasme nunha representación, ao final de curso, no Teatro Principal. Actulamente hai grupos de teatro nos centros socioculturais de A Rocha, Castiñeiriño, Conxo, As Fontiñas, Marrozos, O Ensanche, O Romaño, Santa Marta e Vite.

Tamén é salientable a actividade de xadrez, presente desde hai máis de 25 anos, con grupos de distintas idades; e o programa "Educando en familia", que atende un ámbito moi demandado polas familias como é aprender destrezas educativas para o bó crecemento das crianzas.

As novas teconoloxías tamen teñen cabida nesta programación cun obxectivo principal: diminuir a fenda dixital entre xeracións. Actualmente hai 29 espazos informáticos equipados na rede de centros socioculturais, e tamén existen espazos polivantes con rede wifi á que os usuarios/as acceden coas súas propias terminais informáticas.

A saúde, calidade de vida e medio ambiente son tamén eixos importantes, cun espazo específico na programación de Centros Socioculturais. Con contidos como a importancia do movemento físico, a estimulación cognitiva, as relacións entre grupos, etc. Especialmente, e atendendo á poboación de idade, as actividades programadas traballan na estimulación das relacións e a convivencia, tamén con outras xeracións. Neste aspecto a programación contempla obradoiros de estimulación cognitiva ou de movemento corporal que tan demandados son polas persoas usuarias.

DESCARBONIZA! QUE NON É POUCO...
Entre os programas relacionados co medio ambiente atópase Descarboniza! Que non é pouco…", un recurso socio-educativo para achegar a crise climática a grupos sociais en contextos nos que, usualmente, non se lle presta atención. A finalidade é que a poboación descubra que o cambio climático é un problema relevante para as persoas e para as comunidades e que poden actuar e mobilizarse ante él.

Miguel Pardellas, do Grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da USC, agradeceu a colaboración das concellarías de Medio Ambiente e de Centros Socioculturais e a súa implicación no proxecto. Este sería o cuarto ano que se desenvolve. Nas últimas tres edicións traballaron con máis de 200 persoas. Son, explicou Pardellas, ata oito sesións de traballo "a través das distintas actividades ou eventos climáticos que se teñen desenvolvido no Teatro Principal".

Esta nova edición, engadiu Miguel Pardellas, "está chea de incertezas, incógnitas, e dunha necesidade de adaptación constante ás circunstancias". Buscaranse, sinalou, os espazos máis seguros para un proxecto centrado, este ano, nun chamamento ás avoas. Neste obxectivo contarase co apio das "Fillas Bravas de Chévere" para a parte de dinamización. "O que queremos é que poida existir unha colaboración interxeracinal para enfrontarse ao cambio climático. Neste tempo de emerxecia sanitaria é importante non perder de vista a emerxencia climática", engadiu.

BIBLIOTECA JOSÉ SARAMAGO
A técnica de programación Guadalupe Rodríguez explicou as actividades específicas programadas nas biblioteca José Saramago e nas Aulas de Xogo ata final de ano; que completan a oferta ata acadar as 3.000 prazas, nas que se incluirían esas 1.385 de usuarios abonados as distintas accións formativas e de ocio desenvolvidas.

A biblioteca José Saramago, que conta con aulas de lectura nos centros socioculturais de Fontiñas, Santa Marta, Vite, Conxo e O Castiñeiriño, conta cunha programación específica mensual. En setembro celébrase o día internacional da tradución, en outubro o día das bibliotecas; en novembro está previsto recuperar os espectáculos de narración oral do "Festival Atlántica", e celebrar o día internacional das librarías e o día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. E decembro, aparte das actividades específicas de Nadal, estará adicado ao editor e figura importante do galeguismo, Ánxel Casal.

Tamén están programadas actividades específicas nas distintas aulas de lectura para usuarios de diferentes idades; e o programa "Ler conta moito, con actividades relacionadas coa música, teatro e danza; a divulgación do coñecemento; igualdade e violencia de xénero; narración oral e obradoiros creativos.

AULAS DE XOGO
As aulas de xogo son espazos de lecer e aprendizaxe activo de valores solidarios presentes nos centros de Santa Marta, Fontiñas, O Castiñeiriño, Conxo, Vite e A Trisca.

A realidade socio-sanitaria actual leva a innovar e experimentar novas formas de xogo activo e on-line, que estarán combinadas con actividades lúdicas de modo presencial nas distintas aulas. Entre as novidades figura o Baúl Virtual dos Xogos, no que as familias e os menores poderán participar activamente desde as súas casas.

Tamén se desenvolverán actividades específicas por meses. Setembro, é mes do reencontro; outubro, co Samaín; novembro, co día internacional dos dereitos da infancia e o Festival Atlántica de narración oral; e decembro, coas distintas actividades de Nadal.

Todas as actividades programadas, así como as datas e horarios, pódense consultar nos distintos folletos informativos incluidos na documentación adxunta.

Compartir: