POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

Primeira semana de actividades de rúa no Territorio Xogantín

06/08/2020 A concelleira de Políticas Lingüísticas, Noa Díaz, visitou este xoves os nenos e nenas que participan esta semana nunha nova edición do Territorio Xogantín, o programa que propón tomar as rúas, as prazas e os parques para enredar libremente. Dende o pasado luns e ata o 4 de setembro, un grupiño de rapaces e rapazas de 6 a 10 anos xúntanse coas monitoras de Xandobela na praza do 8 de Marzo, de luns a venres entre as 11:30 e as 13:30 h, para facer súa a rúa.

O Territorio Xogantín ofrece un espazo de socialización en galego a través do xogo, contribuíndo ao coñecemento por parte dos nenos e nenas do patrimonio lingüístico vinculado ao xogo, e achegando a lingua como complemento de servizos atractivos e útiles para as persoas usuarias. Ademais, promove valores de solidariedade, igualdade e respecto polo medio; amplía o coñecemento e o uso dos espazos públicos por parte dos nenos e nenas; e fomenta a autonomía persoal dos nenos e nenas no espazo público.

Partindo dun punto de encontro fixo e logo da inscrición previa, os nenos e nena están a cargo de monitores especializados para, durante dúas horas, poñer en práctica as habilidades necesarias para xogar en grupo e ocupar o tempo de lecer de xeito divertido, san, participativo, solidario, respectuoso co medio e en galego, de cara a ser quen de xogar sen intervención de guías, sen máquinas, xoguetes complexos ou grandes recursos.

Ata o 4 de setembro, na praza do 8 de Marzo
O punto de encontro é a praza do 8 de Marzo, na Porta do Camiño. A partir deste referente, os grupos móvense polas rúas e prazas da Cidade Histórica, segundo o requiran os diferentes xogos. Rematan de novo no mesmo punto de encontro para devolvelos ás familias.

O Territorio Xogantín estará aberto de luns a venres ata o 4 de setembro.

Inscrición previa
Debido ás directrices vinculadas á pandemia, debe realizarase unha inscrición previa dos/das participantes na que ten que constar o día ou días que desexen participar e tamén unha declaración responsable sobre a saúde dos nenos e nenas nos 14 días previos. Acolleranse ata 30 participantes, en dous grupos de non máis de 15 nenos/as cada un.

Faranse inscricións por un período mínimo dunha semana, cubrindo o formulario dispoñible na páxina web do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago, logo da aceptación do protocolo de prevención da Covid-19 que o precede. O prazo de inscrición para cada semana do Territorio Xogantín remata ás 15:00 h do xoves anterior á semana escollida.

Direcciones relacionadas



Compartir: