ALCALDÍA

Convenio coa Área Empresarial do Tambre para impulsar o desenvolvemento do Polo de Biotecnoloxía

01/08/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés, asinan o convenio a través do que o Concello de Santiago destina unha achega á entidade empresarial de 50.000 euros. Unha cantidade destinada, principalmente, a fomentar e impulsar o desenvolvemento do Polo de Biotecnoloxía, así como outros obxectivos incluídos no marco do programa Compostela Móvese 2020 COVID-19.

A través deste convenio, aprobado este venres en Xunta de Goberno, vanse subvencionar parte dos gastos necesarios para que a Asociación Área Empresarial do Tambre de Compostela realice durante o ano 2020 as seguintes actividades e servizos:

1.- Accións encamiñadas ao desenvolvemento dun Polo de Biotecnoloxía no marco do Convenio da Sionlla, e á captación de empresas para o mesmo. Para a consecución destes obxectivos, o convenio propón desenvolver as accións da secretaría técnica, impulsando e coordinando distintas actividades como punto de encontro de axentes da cidade para a súa industrialización, poñendo en valor as potencialidades de Santiago ante a Administración pública, empresas e investidores. O obxectivo sería acadar os recursos necesarios que impulsen a promoción económica da cidade.

2. Preparación dunha proposta para a Convocatoria de Centros de Fabricación Avanzada do Instituto Galego de Promoción Económica.

3. Elaboración dunha proposta técnica para o Centro de Fabricación Avanzada.

4. Colaboración no servizo de vixilancia da área empresarial.

En concreto, subvencionaranse as asistencias técnicas para a presentación da candidatura Biopolo de Biotecnoloxía; e a da secretaría técnica da mesa da Sionlla; e o servizo prestado pola Asociación a través da contratación dunha empresa de vixilancia.

A Asociación Área Empresarial do Tambre de Compostela comprométese, en virtude deste convenio, a publicitar a colaboración do Concello de Santiago, na súa páxina web e en toda a documentación xerada como memorias de actividades, nota de prensas, convocatorias de programas, publicidade dos servizos, etc.

O prazo de vixencia deste convenio é dende o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2020. O pago efectuarase previa xustificación da entidade interesada. O prazo de xustificación rematará o 15 de novembro de 2020. A contía a xustificar será polo importe total dos gastos realizados.

Compartir: