PATRIMONIO

A retransmisión en directo dos eventos da Noite do Patrimonio ampliará a proxección internacional das Cidades Patrimonio

30/07/2020 A Noite do Patrimonio volverá celebrarse o sábado 12 de setembro de forma simultánea nas 15 Cidades Patrimonio da Humanidade de España e todos os eventos e espectáculos do Festival Escena Patrimonio retransmitiranse en directo a través da nova páxina web do Grupo, así como dende a páxina web da Unesco. Así se anunciou na xuntanza telemática dos representantes de Cultura do Grupo, na que participou a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón.

A directora xeral do Centro de Patrimonio Mundial da Unesco, Mechtild Rössler, confirmou o apoio do Centro Mundial da Unesco á Noite do Patrimonio, incorporando a retransmisión á súa páxina web para que poida o evento poida seguirse dende calquera país do mundo en directo, difundíndose tamén a través das redes sociais e das súas canles de comunicación. Da mesma forma, as asociacións de Patrimonio Mundial de Francia, Reino Unido, Italia e Alemaña retransmitirán os eventos a través das súas plataformas.

A Noite do Patrimonio estará estruturada en tres seccións comúns ás 15 cidades:

1.- Festival Escena Patrimonio. Celebrará a súa terceira edición, coa danza contemporánea e creativa como protagonista de 15 espectáculos, un en cada cidade da rede, que se representarán en prazas, claustros, antigas igrexas ou outros espazos culturais significativos do seu patrimonio. No caso de Santiago de Compostela, o espectáculo correrá a cargo de Aida Colmenero e celebrarase no Museo do Pobo Galego.

A selección das compañías e espazos que integran este festival foi realizada pola Comisión de Educación, Cultura e Deporte do Grupo, co asesoramento artístico de Lorenzo Pappagallo, xestor cultural e coordinador de produción de eventos internacionais, que dirixiu con éxito as dúas edicións anteriores deste grande evento da danza no noso país e que presentou a nova web dende a que se retransmitirán en directo todos os espectáculos.

2.- Aberto Patrimonio. Dende as 20:00 horas e ata a madrugada, abriranse ao público de forma gratuíta espazos patrimoniais e culturais, o que permitirá gozar de museos, palacios, igrexas, concellos e edificios representativos fóra do seu horario habitual. A esta iniciativa súmanse algúns dos establecementos históricos que Paradores xestiona nas Cidades Patrimonio.

3.- Vive Patrimonio. Dende as concellarías de Cultura e Patrimonio de cada cidade organizaranse multitude de espectáculos en pequeno formato dirixidos aos distintos colectivos nas 15 cidades, en prazas, rúas e espazos patrimoniais. Haberá concertos de corais e grupos instrumentais, exposicións, recitais de poesía, contacontos, monicreques, visitas teatralizadas, xogos, proxeccións de audiovisuais, etc., dentro de estrita medidas de seguridade. Aquí terán un papel destacado os colectivos locais culturais, como apoio dos concellos ao tecido cultural.

Aula Patrimonio
Na última reunión do mes de xullo, a Comisión de Cultura do Grupo de Cidades Patrimonio tamén acordou dar un novo impulso á nova edición do certame Aula Patrimonio. Así, realizarase un esforzo para adiantar todo o posible a convocatoria do programa, de maneira que os centros dispoñan de toda a información en setembro. Tamén se vai incentivar a participación aumentando os premios e incluíndo o patrimonio natural e a vertente social do patrimonio como novos temas que poden abordar os escolares na presentación dos seus proxectos.

VII Ciclo de Música de Cámara
O VII Ciclo de Música de Cámara aprazouse ao outono e a Casa Real confirmou que a Raíña Dona Sofía inaugúrao o 2 de outubro en Eivissa. Na reunión telemática tamén participou Juan Mendoza, director artístico da Escola Superior de Música Raíña Sofía, quen detallou un calendario de concertos que se estende ata decembro.

Compartir: