FESTAS

O Ciclo de Cine ao Aire Libre proxectará 12 filmes no parque de Eugenio Granell do 26 ao 31 de xullo

24/07/2020 Unha das propostas novidosas desta edición das festas do Apóstolo, especialmente demandada nestes tempos de pandemia é o Ciclo de Cine ao Aire Libre que se celebrará do 26 ao 31 de xullo no parque de Eugenio Granell. Proxectaranse 12 filmes en sesión dobre, ás 19:00 e ás 22:00 horas. As reservas están xa esgotadas.

O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, presentou este Ciclo de Cine ao Aire Libre e destacou a súa relevancia neste momento no que "os cines convencionais aínda están lonxe de ser o que eran tanto a nivel de público, polas restricións de aforo e a reticencia que aínda moita xente ten de acudir, e pola propia programación, que vai moi pouco a pouco no que a estreas se refire".

Ademais, insistiu no rogo aos/ás asistentes en canto ao respecto das normas de seguridade, como mantemento de distancias e uso obrigatorio de máscara. Tamén pediu a aquelas persoas con reserva de entradas que acudan ás proxeccións ou, no caso de no poder asistir, que o comuniquen e así faciliten que "as persoas realmente interesadas poidan ir".

Acompañou o edil na rolda de prensa o organizador deste Ciclo de Cine ao Aire Libre, Ezequiel Mosquera, quen detallou o calendario de proxeccións. Exhibiranse dous filmes cada día: ás 19:00 horas, as propostas máis familiares e, ás 22:00 horas, películas dirixidas máis cara un público adulto.

Calendario de proxeccións
Arrincarán as proxeccións este domingo 26 de xullo co filme de animación Pérez 2. O ratiño dos teus soños e con O que arde, o premiado filme do director galego Óliver Laxe.

Con O Grinch, pequenos/as e maiores trasladaranse ao ambiente de Nadal o luns 27, día no que tamén chegará ao parque de Eugenio Granell o filme probablemente máis exitoso, en canto a crítica e público, de 2019: Parásitos, do coreano Bong Joon-ho.

Outro filme de animación, Donkey Xote abrirá a sesión dobre do martes 28, que completará pola noite Trote, o debut na longametraxe do director galego Xacio Baño, protagonizado pola actriz María Vázquez.

As fazañas dun superheroe español, Superlópez estarán na pantalla o mércores 29. Ese día, quenda tamén para o último e premiado filme de Pedro Almodóvar, Dolor y gloria.

Tolkien é o biopic do autor de O señor dos aneis que poderá verse o xoves 30 ás 19:00 h. E na sesión das 22:00 h, proxección de [emEroski Paraíso, o filme dirixido por Jorge Coira e Xesús Ron e baseado na obra de teatro homónima do grupo Chévere.

O Ciclo de Cine ao Aire Libre pecharase o venres 31 cunha película, Bumblebee, de Travis Knight, e co espectáculo de humor Somos Criminais, de Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán.

Compartir: