MOBILIDADE

Tussa constata a recuperación "sostida" do transporte urbano e agarda unha situación "normalizada" a finais de ano

08/07/2020 Tussa celebrou este mércores o seu Consello de Administración, no que se analizou a situación económica da sociedade municipal e as súas perspectivas para os vindeiros meses a raíz da Covid-19. O nivel de recuperación de usuarios do transporte urbano é lento, situándose no 52% neste mes de xullo, e debuxa un escenario para a entidade de perdas de case 500.000 euros para este exercicio 2020.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presidiu o Consello de Administración, no que se aprobaron as contas anuais de 2019, que deixaron un superávit de 65.000 euros. Tal como explicou o rexedor, a previsión para 2020 é ben distinta, cunha previsión de perdas de 498.000 euros. "Basicamente isto vén determinado polo acontecido nos meses de marzo, abril, maio e xuño e porque a recuperación está tendo un ritmo sostido", indicou.

Así, en materia de usuarios/as do transporte público, os datos dos primeiros días de xullo deixan un nivel de utilización do 52% respecto ao número de usuarios/as no mesmo período do ano anterior. A cifra supón unha mellora respecto ao 36% do mes de xuño.

Sánchez Bugallo lembrou que a utilización do servizo chegara a caer ao 6% coa declaración do estado de alarma e apuntou a imposibilidade de "asegurar que se produza a total recuperación nos próximos meses, e iso cambia o escenario orzamentario da empresa". En calquera caso, prognosticou que "se non hai ningunha recaída ou rebrote significativo, esperamos que prosiga esta recuperación e a finais de ano teñamos unha situación normalizada".

Compartir: