ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal de Música ofrece un ciclo de concertos de verán coas súas formacións instrumentais

23/06/2020 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou este martes o Ciclo de Música de Cámara da Rúa, un programa de 11 concertos da Banda Municipal de Música que se estenderán ata o 16 de xullo. Na rolda de prensa tamén participou o director da formación, Casiano Mouriño.

A principal característica deste ciclo é que, de acordo á situación actual derivada da COVID-19, que obriga a buscar menos concentracións de persoas, os concertos serán ofrecidos por diferentes formacións instrumentais máis reducidas da Banda Municipal: cuarteto de saxofóns, dous grupos de clarinetes, quinteto vento-metal, quinteto vento-madeira-trompa, grupo vento-madeira-percusión e grupo vento-metal-percusión.

Este calendario de concertos, enmarcado no Ciclo de Verán da Banda Municipal, arrincou o pasado domingo con dous concertos con motivo do Día Europeo da Música. As seguintes entregas serán este mesmo xoves, 25 de xuño. Ás 19:00 h, un dos grupos de clarinetes ofrecerá un concerto na praza das Praterías, e unha hora despois, tomará o relevo o cuarteto de saxofóns na rúa do Vilar.

O formato de dobre concerto repetirase o xoves 2 e o venres 3 de xullo. Completan o programa as actuacións previstas os xoves 9 e 16 de xullo na praza das Praterías, ademais dun concerto virtual que a Banda Municipal e Suso Vaamonde porán a disposición do público a partir das 12:00 horas deste domingo 28.

Lembrou Mercedes Rosón que "en todo este tempo de confinamento, os membros da banda estiveron traballando dende os seus domicilios, preparando programas específicos, e tamén gravando pezas para que todos puideramos desfrutalas a través das redes sociais do Concello". En calquera caso, dixo, "botabamos de menos volver á normalidade", aínda que "non sexa unha normalidade plena, porque somos conscientes que temos que cumprir uns protocolos de aforo e de seguridade, pero si é unha normalidade que implica volver traballar no espazo público de forma continuada".

Tamén avanzou a concelleira que, rematado este ciclo, a Banda Municipal terá un protagonismo destacado nas festas do Apóstolo.

Direccións relacionadas



Compartir: