IGUALDADE

Última xornada online de "Artellando Feminismo"

17/06/2020 A xornada "Sexualidade feminina" pon mañá xoves punto e aparte ao programa Artellando Feminismo, do Departamento de Igualdade, que retornará en setembro con outras dúas actividades presenciais.

Impartida por Martina González Veiga, a xornada deste 18 de xuño é a última do ciclo que se retransmitirá on line. Nun ambiente cómodo e distendido, animarase ás mulleres asistentes a tomar conciencia da influencia que exercen as propias crenzas sobre sexualidade no pracer erótico. A través de dinámicas de debate, recalcarase a importancia de reconquistar a comunicación co corpo e potenciar o auto-coidado para favorecer a saúde sexual e reprodutiva dende un punto de vista respectuoso e libre.

As xornadas previstas para setembro xa serán presenciais. A primeira, o día 10, é "Prostitución: unha ollada dende dentro", impartida por Amelia Tiganus. Na segunda, o 24 de setembro, proxectarase a longametraxe El proxeneta, dirixida por Mabel Lozano. Tras o visionado, haberá un coloquio coa directora.

Todas as actividades son de balde. Para participar só hai que inscribirse na web do programa Artellando Feminismo.

Artellando Feminismo
Artellando Feminismo é un programa deseñado polo Departamento de Igualdade, dirixido po Noa Díaz. Trátase dun conxunto de accións encamiñadas a animar a sociedade compostelá a implicarse de xeito activo na transformación social, fomentando a toma de conciencia na igualdade de dereitos e de oportunidades; recoñecendo a contribución da muller ao desenvolvemento social, económico e cultural; dando visibilidade ás desigualdades aínda existentes; promovendo a reflexión e os espazos de creación conxunta e facilitando ferramentas prácticas para desenvolver recursos a favor da igualdade real entre mulleres e homes.

As xornadas, que pretenden ser un espazo de intercambio e aprendizaxe, están dirixidas a todas as persoas interesadas en acadar unha cidadanía responsable dende a participación activa, contribuíndo de forma individual para unha construción colectiva, porque cada persoa que artella feminismo, artella igualdade.

Direccións relacionadas



Compartir: