POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello de Santiago colabora coa campaña de ACEM "Móvete en taxi pola esclerose. Adquire a túa pulseira solidaria"

10/06/2020 A Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) presentou este mércores a campaña "Móvete en taxi pola esclerose. Adquire a túa pulseira solidaria", nunha rolda de prensa na que participou a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro. Máis de 150 taxistas de Santiago e comarca sumáronse a iniciativa de vender estas pulseiras, co obxectivo de visibilizar e concienciar sobre esta enfermidade, e tamén de recadar fondos para a posta en marcha dun ximnasio no centro de rehabilitación integral da Asociación, localizado na zona de Salgueiriños.

Mila Castro sinalou que o Concello, a través dos departamentos de Políticas Sociais e de Mobilidade está encantado de colaborar con ACEM nunha iniciativa "tan interesante" que, lamentou, se tivera que adiar debido á crise sanitaria. A concelleira espera que se vendan moitas pulseiras, porque "a causa merece a pena", e o centro de rehabilitación integral "ten que ter un ximnasio para mellorar a calidade de vida" das persoas que sofren esclerose múltiple.

Teresa González Salvadores, presidenta de ACEM, explicou que nunha primeira fase vanse pór á venda 3.000 pulseiras a 1,5 euros. Lembrou que, inicialmente, estaba previsto que a campaña comezase en marzo e rematase o 18 de decembro, Día Nacional da Esclerose Múltiple. Pero, coa crise, pedíronlle aos taxistas que venderan as pulseiras ata o 30 de maio de 2021. O colectivo, representado na rolda de prensa polos presidentes de Radio Taxi Compostela, Ames e Teo, Jesús García; e de Tele Taxi Compostela, Jesús Pena; aceptou. Teresa González explicou que a intención é que a entrega do cheque co recadado coincida coa carreira solidaria organizada por ACEM o vindeiro ano. Unha parte dese diñeiro será para financiar o ximnasio e a outra destinarase á investigación do cancro infantil.

ACEM
A Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1995 co fin de contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por esta doenza, así coma a dos seus familiares e coidadores/as. No ano 2007 foi recoñecida como Entidade de Utilidade Pública. Ten como obxectivo levar a cabo accións destinadas á sensibilizacion social e á defensa dos dereitos do colectivo de persoas con esclerose múltiple, así como contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e das súas familias, a través da prestación de servizos sociosanitarios.

ACEM conta con máis de 20 anos de experiencia na atención a persoas con discapacidade e dependencia. No ano 2009, o Concello de Santiago de Compostela cedeu unha parcela, situada na rúa de Queixume dos Pinos, para a construción do actual centro de rehabilitación integral. É nestas instalacións onde a Asociación ofrece unha atención multidisciplinar e integral, paliativa e preventiva, a través dun equipo de acción conxunta especializado no sector.

Compartir: