MEDIO AMBIENTE

Santiago de Compostela, premiada polo seu compromiso coa mellora da calidade do aire

09/06/2020 Santiago de Compostela foi distinguida como a cidade menor de cen mil habitantes máis comprometida coa calidade do aire que respiran os seus cidadáns e cidadás polo xurado do II Premio X Aire Limpio, organizado pola Plataforma X Aire Limpio. Recoñécese así o carácter innovador e colaborativo do proxecto TRAFAIR (Understanding Traffic Flows to Improve Air Quality). O acto de entrega dos premios, que contará con representación institucional na plantación dunha árbore como símbolo da renaturalización das cidades, realizarase cando a situación sanitaria o permita.

O premio, cuxo prazo de presentación de candidaturas tivo que estenderse por motivo da pandemia da COVID-19, supón un recoñecemento aos concellos españois pioneiros na posta en marcha de accións destinadas a mellorar a calidade do aire, de maneira que se visibilicen os seus esforzos e sirvan de inspiración para outros homólogos locais. O xurado, composto por investigadores de prestixio e asociacións profesionais da calidade do aire, puxo de manifesto a súa grata sorpresa polo número e calidade das candidaturas, dado o contexto sanitario.

Na categoría de cidades menores de cen mil habitantes, o xurado destacou a cidade de Santiago de Compostela, en recoñecemento ao rigor científico do proxecto TRAFAIR e a utilización polo mesmo de novas tecnoloxías e o desenvolvemento de servizos innovadores e sostibles para producir nova información robusta e fiable. Ademais, destacaron a valiosa e pioneira xeración de coñecemento que xorde ao cooperar administracións públicas e universidades de España e Italia, tal y como recollía a candidatura de Compostela.

Tanto o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, como a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, agradeceron a concesión do premio e o recoñecemento que este supón ao esforzo municipal por mellorar a calidade do aire do municipio. Lembrou o rexedor que grazas ao programa TRAFAIR estanse instalando sensores de calidade do aire nas zonas de meirande intensidade de circulación, algúns dos cales están xa en funcionamento. Isto proporcionará unha imaxe en tempo real das condicións do aire nos momentos de maior conxestión do tráfico, para así poder determinar unha mellor e mais eficiente xestión destes fluxos.

Pola súa parte, José Ramón Ríos Viqueira, investigador adscrito ao CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela) amosábase compracido tras a notificación do recoñecemento. "Para os investigadores do CiTIUS que participamos neste proxecto, todos membros do grupo de investigación en Gráficos por Computador e Enxeñaría de Datos (COGRADE), este premio é unha proba clara de que a investigación realizada no CiTIUS, ademais de ter impacto científico, ten tamén un impacto social moi importante, que neste caso redundará nun mellor coñecemento sobre a calidade do aire que se respira en Santiago de Compostela», afirmou

TRAFAIR
TRAFAIR (Understanding Traffic Flows to Improve Air Quality) é un proxecto europeo no que, ademais do Concello de Santiago e da USC -a través do CiTIUS e do CRETUS (Cross-disciplinary Research in Environmental Technologies), participan tamén o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), e outros seis socios europeos. O seu obxectivo é estudar a calidade do aire en función das condicións climatolóxicas e do tráfico rodado. Os resultados que se acaden permitirán ás administracións ter datos que permitan cuantificar a polución no aire e o xeito en que se distribúe polas cidades; e adoptar as medidas necesarias para diminuír dito impacto. Ao mesmo tempo, permite concienciar a cidadanía e as institucións públicas sobre a calidade do aire que respiramos.

O proxecto conta cun orzamento de 2.197.530 euros. O 75% finánciase con fondos FEDER, e o resto apórtano os nove socios participantes: a Universidade de Módena e Reggio Emilia, a Universidade de Florencia, a Universidade de Santiago de Compostela, o Concello de Módena, a rexión da Toscana, o Concello de Santiago de Compostela, o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), a Universidade de Zaragoza e Lepida SpA.

Mellora da saúde pública
O xurado tamén recoñeceu as candidaturas de Zaragoza e Sabadell na categoría de cidades maiores de cen mil habitantes. No caso da cidade aragonesa recoñeceuse a inclusión de criterios de medición e avaliación entre as súas medidas, unida á súa longa traxectoria en materia medioambiental. Un accésit foi outorgado a Sabadell para destacar a súa aposta por protexer a saúde da cidadanía, especialmente a dos máis pequenos e pequenas.

O director técnico da Plataforma X Aire Limpio, Jaime Gil-Robles, puxo en valor a variedade de candidaturas presentadas nesta primeira edición do Premio X Aire Limpio e indicou que "participaron tanto grandes cidades como municipios pequenos, o que demostra a transversalidade da axenda local para mellorar a saúde pública".

A mala calidade do aire é a principal causa ambiental de morte prematura entre os/as cidadáns/ás da UE, segundo o último informe do Tribunal de Contas Europeo (TCE). Ao igual que en toda a UE, 9 de cada 10 españois que viven en contornas urbanas, respiran un aire que supera os límites de contaminación que establece a Organización Mundial da Saúde (OMS).

Plataforma X Aire Limpio
A Plataforma X Aire Limpio está integrada pola Asociación de Empresas de Enerxía Eléctrica (Aelec), a Asociación Española de Fabricantes de Automóbiles e Camións (Anfac), EDP España, Enagás, Iberdrola e Sedigas. O seu obxectivo é xerar un punto de encontro no que, xunto ás Administracións Públicas, se divulguen e impulsen as mellores prácticas e políticas que se adapten ás circunstancias particulares de cada entorno urbano.

Para iso, conta co respaldo dun Comité Asesor, composto por investigadores de prestixio e asociacións profesionais vinculadas aos principais ámbitos de acción do reto da calidade do aire, creado coa finalidade de facilitar posicións comúns, supervisar os traballos que avale a Plataforma e xerar coñecemento adaptado sobre as mellores prácticas nacionais e internacionais.

Direcciones relacionadas



Compartir: