DEPORTES E BENESTAR ANIMAL

Aberto ata o 15 de xuño o prazo de solicitude de utilización das instalacións deportivas municipais

02/06/2020 A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, deu conta en rolda de prensa do plan de desescalada deste departamento municipal. Anunciou que ata o 15 de xuño estará aberto o prazo de solicitude extraordinaria de uso das instalacións deportivas municipais.

Esther Pedrosa referiuse á intención do Departamento de ir recuperando pouco a pouco a actividade en función das diferentes fases e das medidas de seguridade que se requiren en cada unha delas, cos seus correspondentes protocolos. Polo momento, a actividade deportiva realizarase baixo demanda e de forma xustificada.

A apertura das instalacións será progresiva. Así, esta mesma semana abríronse as pistas de atletismo do Estadio Verónica Boquete de San Lázaro, e a próxima semana a actividade estenderase a un máximo de catro polideportivos e de dous campos de fútbol municipais.

De momento vai haber horarios e quendas para a utilización das instalacións. En concreto, de luns a venres fíxanse tres quendas polas tardes: de luns a venres, ás 17:00, 19:00 e 21:00 h; e os sábados dúas quendas, ás 10:00 e ás 12:00 h, pero neste caso só para os pavillóns e campos de fútbol.

As instalacións poderán utilizarse durante un máximo de 90 minutos. E por suposto, no acceso e no uso das instalacións, os usuarios e usuarias deberán cumprir uns protocolos de seguridade, limpeza, distancias de seguridade ou número de participantes, que poden variar segundo a modalidade deportiva. Todos estes protocolos de seguridade poden consultarse na web do Departamento de Deportes

Estrea do novo céspede nas pistas de pádel de Sar
A concelleira tamén aproveitou a rolda de prensa para anunciar que a partir do luns 8 de xuño xa estarán dispoñibles para os usuarios e usuarias as tres pistas de pádel semicubertas de Sar, unha vez que se renovou o seu céspede artificial. Estas pistas xa tiñan un importante desgaste e o seu cambio era unha demanda inaprazable por parte dos xogadores e xogadoras.

Plan de formación deportiva
Finalmente, Esther Pedrosa deu conta da posta en marcha do plan de formación deportiva para este ano 2020, dirixido fundamentalmente ás entidades deportivas do concello de Santiago. Neste plan prestarase especial atención ás novas estratexias e ferramentas a seguir neste escenario creado pola pandemia da COVID-19.

Estas sesións serán os días 15, 22 e 29 de xuño, ás 19:00 horas. Desenvolveranse a través de webinarios, en cada un dos cales poderán participar ata 400 persoas, ofertando desta xeito 1.200 prazas formativas. As temáticas a abordar serán "Alimentación e deporte", "Os deportes post-covid" e "Xestión dixital e comunicación".

A inscrición é gratuíta e pode facerse a través da web da Asociación Galega de Xestores Deportivos.

Toda esta información pode consultarse a través da web do Departamento de Deportes e dos seus perfís nas redes sociais Twitter, Facebook, Instagram e Youtube.

Compartir: