PLENO

A Corporación insta a Xunta e Parlamento a investigar a xestión dos contaxios e falecementos por COVID-19 nas residencias da terceira idade de Santiago

28/05/2020 A Corporación aprobou unha moción conxunta presentada por PSdeG-PSOE, CA e BNG (xuntando as formuladas por estes dous últimos grupos) instando á Xunta de Galicia e ao Parlamento de Galicia a que investigue a xestión nas residencias da terceira idade dos contaxios e falecementos por coronavirus en Santiago de Compostela. O PP abstívose nesta moción e presentou outra en relación a este tema, pero neste caso instando á Xunta a investigar un caso concreto, o da residencia de San Lázaro. Votaron a favor desta proposta os populares e abstivéronse o resto de grupos municipais.

A moción insta ao Parlamento de Galicia a "crear unha comisión de investigación sobre a xestión nas residencias da terceira idade dos contaxios e falecementos por mor da crise da COVID-19. En canto á Xunta de Galicia, solicítaselle que presente "un informe no Parlamento de Galiza onde consten as accións realizadas até o momento nas residencias da terceira idade, así como os expedientes abertos e as sancións aplicadas perante posíbeis incumprimentos".

A moción contén varias reclamacións máis ao Goberno galego: dotar a todos os profesionais de equipos de protección (EPIs), e a realización de probas PCR a todo o persoal e residentes das residencias; elaborar un plano para a medicalización de forma efectiva das residencias, con criterios sanitarios, diante da posibilidade de novos rebrotes da pandemia nos vindeiros meses; garantir medidas de hospitalización para persoas das residencias que o precisen; inspeccionar e avaliar o cumprimento da normativa legal vixente en todas as residencias da terceira idade e, no seu caso, revisar e rescindir os concertos ou contratos con entidades ou empresas que acumulen incumprimentos da mesma; e establecer un mecanismo de aceso á información e transparencia, estábel, fiábel e diario, para as familias dos residentes, facilitando datos do estado de ocupación e a evolución das persoas residentes.

Ademais, a Corporación demanda que a próxima residencia da terceira idade que se construirá en Santiago de Compostela sexa de xestión pública e directa, así como a posta en marcha de medidas para axudar as familias que están custeando prazas privadas, agardando por unha pública, que queden sen recursos ou os vexan minorados por esta situación de crise sanitaria. Finalmente, pídese que muden "as políticas de privatización e camiñar cara a xestión directa dos centros socio-sanitarios de atención á dependencia".

Para falar desta cuestión, interveu ao inicio do Pleno Javier Quián, familiar dunha persoa falecida na residencia DomusVi de San Lázaro.

Plan de reactivación económica
Presentada polo BNG, saíu adiante unha moción demandando á Xunta de Galicia a elaboración dun plan galego de reactivación económica, así como dun plan galego de axudas a autónomos e pemes que complemente as medidas do Estado. Tamén se pide a derogación de normas estatais ou autonómicas que limiten a capacidade de investimento e gasto dos concellos.

Este último aspecto da moción foi emendado polo PSdeG-PSOE, no sentido de reclamar ao Goberno español "medidas de flexibilización do impacto das regras de estabilidade orzamentaria e da regra de gasto no uso dos remanentes de tesourería". Votaron a favor PSdeG-PSOE, CA e BNG e votou en contra o PP.

Conciliación para as familias
Outra moción aprobada foi unha de Compostela Aberta na que solicita un servizo de conciliación ás familias, para nenos e nenas de 6 a 12 anos. Entre as medidas reclamadas figuran: abrir os centros socioculturais e a Ludoteca María Miramontes (Fontiñas); habilitar as instalacións deportivas para actividades de conciliación neste ámbito; acondicionar e por en marcha as escolas unitarias do rural para unha programación de actividades; e elaborar un plan de coidado e conciliación. Ademais, ínstase á Xunta a constituír unha mesa de diálogo cos concellos para acondicionar os espazos e que todos os nenos e nenas poidan ir á escola en setembro; a elaborar un plan de choque para garantir a conciliación e os coidados das familias; e a abrir os centros educativos de Infantil, Primaria e Secundaria con actividades lúdico-deportivas ao aire libre durante o verán.

A moción, na que se admitiu unha emenda do PP, recibiu o voto favorable de PP, CA e BNG, e a abstención do grupo socialista.

Volta Ciclista a España
Finalmente, a proposta do PP, aprobouse unha moción na que se acorda explorar as posibilidades de que a cidade de Santiago sexa incluída no percorrido da Volta Ciclista a España de 2020. Trataríase de que a cidade acolla a xornada de descanso prevista para o 2 de novembro de 2020, entre as etapas 12 e 13.

A moción recibiu o voto favorable do grupo propoñente e a abstención do resto dos grupos municipais.

A sesión plenaria arrincou cun minuto de silencio polas vítimas da COVID-19.

Direcciones relacionadas



Compartir: