PARQUES E XARDÍNS

Sen quendas e horarios nas hortas municipais dende este mércores

26/05/2020 Dende mañá mércores, 27 de maio, queda suprimido os sistema de restricións e quendas nas horas municipais, permitíndose o acceso libre a todos/as os/as adxudicatarios/as de uso das parcelas. Así o anuncia do Departamento de Parques e Xardíns, dende o que se lembra que, á marxe das novas posibilidades de acceso, segue vixente o estado de alarma e deben manterse as condicións de seguridade, protección e distanciamento social para desenvolver as actividades hortícolas.

Permítese tamén o uso dos composteiros comunitarios no caso daquelas zonas que conten con eles, así como do resto de elementos de uso común, como bancos ou merendeiros dispostos na contorna das hortas municipais.

No caso das casetas de ferramentas situadas nas hortas de Brañas de Sar, Campo das Hortas e Santa Marta, adoptaranse as precaucións necesarias na recollida, manipulación e manexo de colleita e ferramentas, e o seu uso será individual, acollendo un máximo dunha persoa no seu interior para reducir ao mínimo o contacto físico.

Continúa a ser necesario o uso de medidas de protección persoal (luvas e máscaras), así como o uso frecuente de xabón ou solucións hidroalcohólicas para practicar unha frecuente hixiene de mans. E en xeral, para evitar o risco de contaxios, prégase continuar respectando a distancia de seguridade interpersoal e realizando a desinfección, cando sexa posible, das billas e de calquera outro elemento que sexa manipulado durante o desempeño dos labores realizados.

Compartir: