MEDIO RURAL

Medio Rural abre o procedemento de adxudicación de cinco obras no rural por algo máis dun millón de euros

26/05/2020 O concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, deu conta este martes de cinco obras previstas na zona rural cuxo procedemento de adxudicación se acaba de aprobar, e ás que se destinarán 1.030.773,18 euros euros (IVE incluído). Onte, en Xunta de Goberno, deuse luz verde aos cinco expedientes, ao gasto correspondente e á apertura dos distintos procedementos de adxudicación dos traballos incluídos no POS, o Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña.

Estas intervencións son: dúas pistas polideportivas multiúsos no lugar de Carregal e o parque biosaudable na contorna da igrexa de Piñeiro no Eixo; a rexeneración e reforzo da estrutura do pavimento da calzada da rúa de Santa Teresa Jornet; a reparación e consolidación da Ponte de Vidán, a construción dun parque infantil en Coto dos Olmos e a senda peonil e reforzo da calzada en Paredes de Laraño.

No caso das dúas pistas polideportivas multiúsos no lugar de Carregal e do parque biosaudábel no entorno da igrexa do Piñeiro no Eixo, o tipo de licitación é de 140.000 euros. Prevese a pavimentación da área de terra para obter unha pista multideporte; melloras no acceso á parcela, xerando un acceso rodado; a creación dun espazo biosaudable, colocando seis elementos: volante, xiro de cintura, sube e baixa, patíns, remo e surf; e outras obras auxiliares.

Na rúa de Santa Teresa de Jornet actuarase no tramo comprendido entre a antiga estrada N-634 e a residencia de maiores de San Marcos. Rexenerarase e reforzarase o pavimento, actuando tamén nas cunetas e nas redes de sumidoiros. O tipo de licitación é de 219.106 euros e o prazo de execución de catro meses.

A obra cun maior investimento, 447.065 euros, é a de reparación e consolidación da ponte de Vidán. Realizarase un novo taboleiro cunha anchura prevista de 5,60 metros, distribuíos entre os 3,50 metros da calzada e 1,5 metros da beirarrúa. O prazo de execución é de cinco meses.

O POS tamén recolle a execución dun parque infantil en Coto dos Olmos, obra á que se destinan 56.775 euros, cun prazo de execución de tres meses. A instalación contará, entre outros elementos, con columpio, xogo infantil de trepar e unha instalación multixogo. Ademais, acondicionarase o acceso á area de xogos e colocaranse luminarias, un banco de madeira e unha fonte de auga potable.

A quinta obra presentada este martes é a da senda peonil e de reforzo da calzada en Paredes de Laraño, cun tipo de licitación de 167.827 euros e un prazo de execución de catro meses. Darase continuidade á senda peonil existente na estrada Bugallido-A Barcia ata o Centro Sociocultural de Laraño e reforzarase o pavimento da calzada no tramo de estrada afectado.

A estas obras engádese a construción dunha senda peonil na rúa de San Martiño, xa en procedemento de contratación, cun orzamento de 406.409 euros, e a mellora e acondicionamento do Centro Sociocultural de Grixoa, xa adxudicada por 44.628 (IVE excluído). Está previsto que os traballos empecen a mediados de xuño.

Rozas
O concelleiro de Medio Rural subliñou tamén que o vindeiro xoves, 28 de maio, empezará a campaña de rozas en vías asfaltadas da zona rural. O itinerario dos traballos, consensuado con FERUSA, a Federación de Asociacións de Veciños do Rural; comezará na parroquia de Laraño, e continuará por Villestro, Figueiras, A Peregrina, Santa Cristina e San Xoán de Fecha. José Manuel Pichel tamén anunciou que na segunda semana do mes de xuño comezarán os traballos de rebacheo nas vías asfaltadas do rural.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: