XUNTA DE GOBERNO

O alcalde expresa a súa "absoluta satisfacción" polo comportamento cidadán e o funcionamento das terrazas esta fin de semana

18/05/2020 O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, o seu "agradecemento" á cidadanía de Compostela e a súa "absoluta satisfacción" polo seu comportamento durante esta pasada fin de semana en relación ao proceso de desescalada. "Se ben na pasada fin de semana houbera algún desfase importante, nesta detectei unha corrección eficaz, con moita xente na rúa, na praza de Abastos (onde se repartiron 1.250 máscaras este sábado) ou nos parques, pero todo con orde e sen saturación".

"Pouco a pouco nos imos acostumando ao de camiñar pola dereita", indicou Sánchez Bugallo, quen insistiu nesta recomendación. Neste sentido, fixo especial fincapé na Alameda, onde se detectou algún problema puntual, abrindo a posibilidade de dividir en carrís os paseos se non se xeneraliza o feito de camiñar pola dereita. Ademais, apuntou que a peonalización das rúas do Ensanche durante a fin de semana segue funcionando "moi ben, se ningún problema ou incidente salientable". Por esta razón, dixo, "presumiblemente a imos manter nos vindeiras fins de semana".

O rexedor tamén se mostrou satisfeito con funcionamento das terrazas, do que dá conta que non houbera ningunha denuncia entre as máis de 50 terrazas inspeccionadas pola Policia Local. Por iso agradeceu igualmente o comportamento da hostalería. Preguntado por algunha crítica deste colectivo, o alcalde indicou que "non son xustas" e remitiuse á instrución do pasado venres que clarifica algunha interpretación do decreto estatal. En calquera caso, aclarou, "a fórmula proposta polo Concello é indicativa, e fíxose polas dúbidas xurdidas na interpretación do decreto, pero os hostaleiros poden propoñer a súa fórmula, e de momento non se propuxo ningunha".

Lembrou que obrigas como a da separación de dous metros entre mesa e mesa veñen no decreto, e que "hai cousas de sentido común, como que non pode haber nove persoas nunha mesa de catro, porque é necesario manter unha mínima distancia de seguridade entre clientes". Tamén recordou que o tamaño das mesas está estipulado na ordenanza que o regula. E, á marxe das dúbidas xurdidas e xa solucionadas sobre a praza de Europa (por ser de titularidade privada), o alcalde mostrouse convencido de que "non hai tanta confusión".

En palabras do alcalde, "o decreto fala dun máximo do 50% do aforo, e o Concello non entra nese máximo. O único que podemos facer é interpretar as normas coa maior flexibilidade posible, tendo en conta que a prioridade ten que ser a seguridade da cidadanía". Por iso, insistiu, "buscamos solucións que cumpran a norma e que garantan unha seguridade para usuarios e que permitan instalación de terrazas. Eu pedinlles os hostaleiros que sexan conscientes de que a vía pública é de todos; deles, pero tamén do comercio, dos que acceden á súa vivenda, dos peóns, e dos vehículos que circulan, e hai que buscar un punto de encontro e de equilibrio entre todos, pero sempre tendo en conta que debe prevalecer a seguridade".

Seguindo co proceso de desescalada, Sánchez Bugallo demandou ir "paso a paso, con seguridade e prudencia", sinalando as graves consecuencias que para unha cidade como Santiago podería ter unha volta atrás. Neste sentido, pediu "desculpas aos que cren que puidemos dar máis pasos, pero a prudencia é importante".

ORA
Na súa rolda de prensa tras a Xunta de Goberno, o alcalde tamén confirmou que se vai manter o carácter informativo do estacionamento ORA no Ensanche durante esta semana, coa previsión de que o luns 25 volva a funcionar con normalidade, xa con denuncias en caso de infracción. Manterase polo momento o estacionamento libre nas zonas ORA de Conxo, Pontepedriña e Campus.

Hospital de campaña
Continuando con aspectos relacionados coa crise sanitaria, o Goberno local tomou en coñecemento un escrito da Xerencia do Sergas no que se solicita que se manteña a dispoñibilidade do Multiúsos do Sar por se fora necesario habilitalo como hospital de campaña, xa que no plan autonómico de desescalada remitido a Madrid se inclúe o compromiso de poder activar este hospital, se fora necesario, nun prazo de 5 días. Por iso, comunícase a XADE que pode dispor das instalacións sempre que poida garantir a plena dispoñibilidade das mesmas en 24 horas para proceder á montaxe do devandito hospital.

Eleccións autonómicas
O alcalde tamén foi preguntado pola celebración das eleccións autonómicas o 12 de xullo e mostrouse "preocupado" polos problemas que poden plantexar. En particular, referiuse aos colexios que teñen 2 ou 3 mesas e as dificultades de separación que poden existir, ou a utilización das cabinas. Para Sánchez Bugallo, "é imprescindible que a Xunta Electoral dite indicacións precisas para o conxunto de concellos de Galicia, porque senón nos veremos nunha situación na que teremos que improvisar". Será o segundo tenente de alcalde, Sindo Guinarte, o que teña a responsabilidade municipal de coordinar todo o relativo a esta materia.

Outros asuntos
Entre os asuntos aprobados na Xunta de Goberno celebrada este luns destaca o inicio do procedemento de licitación da obra de reparación dos muros de Fontiñas, cun orzamento de máis de 300.000 euros e un prazo de execución de catro meses. Tamén se iniciaron os trámites para adxudicar as obras de acondicionamento interior do castelo da Rocha Forte, por 89.000 euros.

Outro dos acordos foi o relativo á convocatoria de subvencións para as asociacións veciñais, que repartirá 100.000 euros.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: