MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

O Goberno local reitera a recomendación da circulación peonil pola dereita da vía

15/05/2020 O Concello de Santiago vén de completar a segunda fase de colocación de sinalización para peóns coa recomendación de camiñar pola dereita para así facilitar que se garden as distancias de seguridade e evitar contaxios do COVID-19. Estas mensaxes están situadas en diversas rúas do Ensanche e na Alameda. Tamén se están sinalizando as beirarrúas con sentido único.

Esta medida forma parte do plan de peonalización posto en marcha polo Concello no marco do proceso de desescalada da crise sanitaria motivada pola COVID-19. Se a pasada fin de semana foron peonís as rúas de Alfredo Brañas, Xeneral Pardiñas e República do Salvador, este sábado 16 e domingo 17 de maio sumaranse no peche ao tráfico de vehículos as rúas de Fernando III O Santo (no tramo entre a rúa da República Arxentina e a rúa da Rosa, a rúa Nova de Abaixo, a rúa de Santiago del Estero (dende a praza de Vigo) e a rúa de Santiago de Chile.

Todas estas rúas cortaranse ao tráfico ás 12:00 horas do sábado 16 e abriranse ás 24:00 horas do domingo 17. Para facilitar o tránsito e o mantemento das distancias de seguridade, o Concello insiste na recomendación aos peóns de circular pola súa dereita. Unicamente se permitirá o acceso de vehículos aos garaxes destas rúas e aos aparcadoiros públicos.

Transporte urbano

Esta medida afectará tamén ao transporte público. As liñas 5, C2, C11 e P6 realizarán os seguintes desvíos, nos servizos a partir das 12:00 h do sábado 16 e nos do domingo 17 todo o día:

Liña 5

- Traxecto Vite – A Rocha: dende Doutor Teixeiro, os autobuses desviaranse pola rúa da Rosa, San Pedro de Mezonzo e praza Roxa.

- Traxecto A Rocha – Vite: dende República Arxentina, desvío pola praza de Puente Castro, rúa do Hórreo e cambio de sentido na praza de Galicia para acceder á parada habitual na ferretería.

Liña C2

Dende a rúa da Rosa, os autobuses desviaranse por Romero Donallo, con cambio de sentido na rotonda de confluencia con Rosalía de Castro e itinerario habitual pola avenida de Vilagarcía.

Liña C11

Dende a rúa de Santiago de Guayaquil, desvío pola rúa do Hórreo e cambio de sentido na praza de Galicia para acceder á parada habitual na ferretería.

Liña P6

- Traxecto A Rosa – Polígono do Tambre: dende República Arxentina, os autobuses desviaranse pola praza de Puente Castro, rúa do Hórreo e cambio de sentido na praza de Galicia para acceder á parada habitual na ferretería.

Quedan suprimidas as seguintes paradas:

- 433 República do Salvador (liña 5)
- 589 Santiago de Chile, cruce con Frei Rosendo Salvado (liña C2)
- 590 Santiago de Chile nº 31 (liña C2)
- 673 Xeneral Pardiñas nº 35 (liñas 5, C11 e P6)
- 674 Xeneral Pardiñas nº 7 (liñas 5, C11 e P6)

Compartir: