IGUALDADE

A Concellaría de Igualdade retoma o programa "Artellando Feminismo" con dúas xornadas presenciais e outras online

14/05/2020 A Concellaría de Políticas de Igualdade retoma o programa Artellando Feminismo. Relatorios e obradoiros centran as accións reprogramadas, nas que hai que inscribirse e que se impartirán online a partir do 20 de maio.

Dúas destas xornadas, adiadas a setembro, serán presenciais. A primeira, o día 10, é "Prostitución: unha ollada desde dentro", que será impartida por Amelia Tiganus. Na segunda, o 24 de setembro, proxectarase a longametraxe El proxeneta, dirixida por Mabel Lozano. Tras o visionado, haberá un coloquio coa directora. Todas as actividades son de balde. Para participar só hai que inscribirse na web de Artellando Feminismo.

Todas as actividades online desenvolveranse entre as 19:00 e as 20:30 horas. Na xornada do 20 de maio, Jorge Marín reflexionará sobre "Micromachismos e novas masculinidades: o femnismo que (de)constrúe". A acción programada para os días 27 e 28 de maio, "Coeducación na infancia para pais e nais de nenos e nenas de 6 a 11 anos", será impartida por Aixa Permuy. O 4 de xuño, Ana Torres Jack achegaranos o relatorio "(Des)aprendendo a construír estereotipos de xénero; o 11 de xuño, Soledad Muruaga falara sobre a saúde das mulleres dende o punto de vista da súa socialización; e o 18 de xuño, Martina González Veiga, axudará as mulleres a coñecerse a si mesmas coa conferencia "Sexualidade feminina".

Artellando Feminismo
Artellando Feminismo é un programa deseñado polo Departamento de Igualdade do Concello de Santiago, que dirixe Noa Díaz. Un conxunto de accións encamiñadas a animar á sociedade compostelá a implicarse de xeito activo na transformación social, fomentando a toma de conciencia na igualdade de dereitos e de oportunidades; recoñecendo a contribución da muller ao desenvolvemento social, económico e cultural; dando visibilidade ás desigualdades aínda existentes, promovendo a reflexión e os espazos de creación conxunta e facilitando ferramentas prácticas para desenvolver recursos a favor da igualdade real entre mulleres e homes.

As xornadas, que pretenden ser un espazo de intercambio e aprendizaxe, están dirixidas a todas as persoas interesadas en acadar unha cidadanía responsable dende a participación activa; contribuíndo de forma individual para unha construción colectiva, porque cada persoa que artella feminismo, artella igualdade.

Direccións relacionadas



Compartir: