IGUALDADE

O CIM mantén o seu nivel de atención durante a crise sanitaria do COVID-19

13/05/2020 Malia as dificultades ocasionadas polo estado de alarma e a crise sanitaria do COVID-19, o Centro de Información ás Mulleres está mantendo o seu nivel de atención en canto a número de usuarias que recorren a este servizo municipal, en relación á mesma época de anos anteriores. Isto é posible grazas a que no CIM se articularon as medidas necesarias para seguir garantindo a asistencia integral das vítimas de violencia de xénero e a adaptación das modalidades de prestación nestas circunstancias excepcionais.

Dende a publicación do Real Decreto 463/2020, que supuxo o confinamento domiciliario da sociedade española, e en previsión de que as mulleres cunha situación de violencia de xénero puideran ter dificultades para acceder aos medios habituais de comunicación e denuncia, o CIM puxo á disposición da cidadanía o teléfono 981 542 467, en horario de 08:00 a 20:00 horas. As chamada son recibidas por unha das profesionais do CIM -asesora xurídica, traballadora social ou psicóloga- que realiza unha intervención telefónica de escoita activa e análise da demanda formulada e da necesidade detectada, procedendo a derivar a demanda/necesidade da muller á profesional que proceda segundo a prioridade que estableza a atención (xurídica, psicolóxica ou social) ou a calquera outro dispositivo de seguridade de ser valorado.

Dende o 16 de marzo de 2020, esta intervención realízase de maneira coordinada con xulgado, forzas e corpos de seguridade do Estado e demais organismos implicados, procedendo tanto ao seguimento das mulleres incorporadas xa con anterioridade ao dispositivo como ás novas incorporacións aos itinerarios de intervención do CIM de Santiago.

Catro vías de entrada
Ademais do seguimento social, psicolóxico e xurídico que se lle está a facer as mulleres que xa eran usuarias do CIM, neste contexto de COVID-19 constátanse catro vías de entrada na atención do CIM de Santiago.

1.- Derivacións do 016. Mulleres que demandan axuda, información, orientación e/ou asesoramento para emitir unha denuncia por unha situación de violencia de xénero. Tamén aquí se inclúen consultas do círculo familiar e/ou de amizades que demandan información sobre como actuar sendo coñecedoras dunha situación de violencia de xénero.

2.- Derivacións por parte do xulgado, Policía Nacional e CHUS. As derivacións dende os dispositivos implicados na atención ás vítimas de violencia de xénero prodúcense para asistencia psicolóxica e apoio social (tramitación de recursos vinculados a unha medida de protección).

3.- Por chamada directas ao teléfono do CIM 981 542 467. As chamadas directas a través do telefono están vinculadas maioritariamente a:
a) Mulleres incorporadas xa con anterioridade ao dispositivo e que demandan información e orientación sobre posibles axudas e prestacións socioeconómicas por unha situación económica deficitaria sobrevida polo COVID-19.
b) Mulleres que teñen unha medida de protección vinculada a unha situación de violencia de xénero neste período e demandan información sobre recursos sociais e atención psicolóxica.
c) Mulleres que demandan información, orientación e apoio psicosocial coa finalidade de emitir unha denuncia por violencia de xénero.

4.- Por derivación de entidades de iniciativa social. Coa finalidade de proporcionar información e asesoramento sobre recursos sociais a mulleres vítimas de violencia de xénero e vítimas de trata de seres humanos.
Segundo apuntan dende o CIM, a incidencia en canto ao nivel de atención é basicamente parecida á de outros anos na mesma época. Non obstante, a nivel cualitativo destacan a vulnerabilidade xeral da poboación pola situación da pandemia, que afecta tamén as mulleres, e tamén as dificultades á hora de acceso a diferentes organismos e servizos, que se lles procura facilitar dende esta unidade.

Campaña "Rompe o silencio"
Esta atención viuse reforzada neste contexto do confinamento coa posta en marcha da campaña Rompe o silencio. Enmarcada no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, esta campaña pretende, dunha banda, implicar a cidadanía na resposta contra a violencia machista, e doutra, reforzar a difusión dos recursos aos que poden acudir as mulleres que poidan estar sufríndoa.

A campaña ten tres vertentes: alerta, alarma e acompañamento. Dunha banda alerta á cidadanía compostelá para "aumentar a concienciación social sobre esta problemática e implicala nunha resposta colectiva contra as violencias". A veciñanza pode e debe denunciar os episodios de violencia doméstica que detecte no teléfono do 112. "Auxiliar en caso de alerta é un deber. Se escoitas ruídos e berros, non o dubides. Chama ao 112 ou ao 091", sinalan as mensaxes da campaña.

Doutra banda, recórdase ás posibles vítimas de violencia os datos de contacto aos que poden acudir en caso de alarma ou perigo: "Os teléfonos 016 e o 900 400 273 non deixan pegada".

Finalmente, a campaña lembra á cidadanía en xeral e ás vítimas en particular que o Centro de Información á Muller conta cun equipo técnico que segue acompañando e atendendo as súas usuarias, que se contan por centos. Para calquera consulta ao CIM está aberto durante todos os días da semana no teléfono 981 542 467 en horario de 8:00 a 20:00 horas. Tamén atende no correo cim@santiagodecompostela.gal.

Compartir: