ACCIÓN CULTURAL

O Grupo de Cidades Patrimonio reactiva o calendario de eventos culturais e deportivos de interese turístico

11/05/2020 A Comisión de Educación, Cultura e Deporte do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España reuniuse este luns de forma telemática e acordou reactivar o calendario de eventos culturais e deportivos previstos para este ano, así como algunhas das citas que se tiveron que aprazar con motivo da crise do coronavirus. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, participou na xuntanza, presidida polo titular da Comisión de Cultura e alcalde de Salamanca, Carlos García Carbayo.

O Grupo acordou manter e impulsar a data do 12 de setembro para celebrar A Noite do Patrimonio 2020, un evento cultural de primeira magnitude que se celebra de forma simultánea nas 15 cidades. Carlos García Carbayo sinalou que "imos reforzar e complementar a programación dos 15 espectáculos de danza que se van ofrecer dentro do festival Escena Patrimonio, que coordina artisticamente Lorenzo Pappagallo, e a apertura extraordinaria de espazos patrimoniais coa retransmisión en liña de numerosas actividades culturais, para chegar a máis cantidade de público e para que máis persoas poidan gozar das nosas cidades".

Neste sentido, os concelleiros das 15 cidades emprazáronse para unha próxima reunión na que van debater todos os protocolos sanitarios e de seguridade que será necesario aplicar nas 15 cidades para a celebración de espectáculos, concertos e toda clase de actividades culturais, á vez que van compartir boas prácticas e guías comúns para a apertura de museos e outros espazos monumentais.

A celebración do VII Ciclo de Música de Cámara, en colaboración coa Escola Superior de Música Raíña Sofía, é un dos eventos que se tivo que aprazar por mor da pandemia. A programación do ciclo estaba totalmente pechada cando se declarou o estado de alarma. Ademais, a Raíña dona Sofía ía presidir o concerto de inauguración do ciclo, o pasado día 23 de abril, en Eivissa.

Na videoconferencia de hoxe participou o director artístico da Fundación Albéniz e da Escola, Juan Mendoza, quen asegurou que "o importante é que a música non pare e os nosos alumnos e alumnas están desexosos de volver tocar nas contornas monumentais das Cidades Patrimonio da Humanidade". A Comisión acordou pospoñer a celebración do Ciclo de Música de Cámara ao outono. As datas e o programa anunciaranse proximamente.

Tamén se acordou aprazar para despois do verán algunhas das citas deportivas incluídas no III Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio, que se presentou no Concello de Salamanca o pasado 5 de marzo. O estado de alarma obrigou a cancelar a primeira carreira do 15 marzo en Úbeda, así como as seguintes citas en Mérida, Cáceres, Santiago, Salamanca, Cuenca, Baeza, e Segovia.

O coordinador do Circuíto, Daniel Gutiérrez, tamén participou na videoconferencia e manifestou que "a pesar da incerteza, parece que a segunda parte do Circuíto vai manter e con bos números, xa que a xente ten moitas ganas de participar e de correr". Carlos García Carbayo engadiu que "imos reactivar o calendario de carreiras e a celebrar todas as probas que sexa posible de aquí a final de ano, xa que os eventos deportivos tamén son grandes dinamizadores do turismo nas nosas cidades".

Ademais, a Comisión valorou o conxunto das propostas remitidas ao concurso Aula Patrimonio 2020 e o IES Princesa Galiana de Toledo resultou gañador do certame nacional, co proxecto "Comunicámonos co Patrimonio", do que se valorou o carácter pedagóxico e a estrutura didáctica dunha proposta que permite coñecer o patrimonio histórico e cultural da cidade de Toledo, vinculando a experiencia co irmandamento con outros centros educativos do Grupo.

En total recibíronse preto de 50 solicitudes con traballos de centros do Primeiro Ciclo -1ª 2ª e 3º curso- de Educación Secundaria públicos e concertados, nun programa que na pasada rexistrou a participación de 9.000 alumnos/as. O premio para o finalista consiste nunha viaxe do equipo gañador á cidade que elixan, que se celebrará na data que sexa posible.

O presidente da Comisión, Carlos García Carbayo, tamén trasladou aos concelleiros e representantes das cidades os resultados das últimas reunións dos alcaldes e alcaldesas do Grupo coa ministra de Turismo, Reyes Maroto, e coa secretaria de Estado de Turismo, Isabel Oliver, nas que solicitaron "melloras na conectividade, continuidade para os ERTES e protocolos uniformes para os distintos sectores de actividade, para transmitir confianza, tranquilidade e seguridade tanto aos traballadores como aos viaxeiros. Queremos que as nosas cidades volvan encher de vida, como destinos seguros, próximos e espazos de cultura. Temos todo en marcha e moitas ganas de ir adiante", concluíu García Garbayo.

Compartir: