XUNTA DE GOBERNO

O Concello, pendente da autorización estatal para aplicar 4,6 millóns de euros do seu superávit

11/05/2020 Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este luns, validáronse diversos gastos sociais vinculados á crise sanitaria do COVID-19, aprobáronse dous novos contratos para garantir a utilización efectiva do tícket especial de compra e deuse o visto bo ao proceso de incorporación dos traballadores e traballadoras municipais aos seus postos presenciais. Tamén se deu continuidade ao servizo de mantemento de parques e xardíns e ampliouse o prazo para que as comisións dos barrios e parroquias poidan solicitar axudas para as súas festas patronais

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, aproveitou a validación de novos gastos sociais para anunciar que xa está lista a liquidación do orzamento de 2019, da que "se deduce que o Concello tería unha capacidade de gasto adicional de 13,7 millóns de euros". De acordo co informe da Intervención municipal, dixo, "desta cantidade, 6.714.000 euros quedarán bloqueados para facer fronte á minoración de ingresos respecto da previsión inicial ao longo deste 2020". A maiores, "Intervención constata que nestes case dous meses, se produciron gastos extraordinarios por importe de 1.533.918 euros, que tamén deben ser provisionados", engadiu.

Deducidas estas cantidades, quedarían 5.728.772 euros dispoñibles. Deles, hai que restar os 1.145.754 euros para gastos sociais derivados do estado de emerxencia e do decreto gobernamental que habilitou o uso de parte do superávit para gasto social. Neste sentido, o alcalde lembrou que se destinaron 183.000 euros ao programa axudas ás persoas sen fogar, 51.328 euros para reforzar programa de atención domiciliaria de persoas maiores, 815.850 euros para cubrir o gasto do programa do tícket especial de compra, 82.500 euros para as bolsas de comedor escolar, 6.000 euros para a compra de medicamentos para persoas en situación de vulnerabilidade e 2.710 euros a axudas para facilitar os medios a nenos e nenas que non dispuxeran dos mesmos para realizar as súas actividades escolares.

En palabras de Sánchez Bugallo, "quedarían 4.600.000 euros pendentes de aplicar, á espera do que determine Goberno do Estado a través dese decreto que esperemos que saia canto antes, porque senón, aplicando a Lei Montoro, deberían ser destinados a amortización anticipada de créditos". Estas cuestións estarán na orde do día do pleno que se celebrará este xoves ás 17:00 horas.

Volta ao traballo presencial
A Xunta de Goberno tamén aprobou a proposta de instrucións para a incorporación gradual do persoal municipal ao traballo presencial. Esta semana xa se irán incorporando algúns traballadores e traballadoras e, a partir da semana próxima, sumarase, con carácter xeral, todo o persoal que non estea en teletraballo. O alcalde calcula que, na semana do 25 de maio, "se recuperará o funcionamento ordinario da Administración local".

Outros acordos
Ademais, na xuntanza deste luns, o Goberno local aprobou dous novos contratos con supermercados para garantir o uso do tícket especial de compra, validouse o decreto de terrazas asinado pola Alcaldía o pasado venres e deuse orde de continuidade ao servizo de mantemento de parques e xardíns, cuxo contrato finalizou o pasado 30 de abril, pero que seguirá prestándose pola mesma empresa ata que se produza a licitación e adxudicación do novo contrato. Tamén se deu o visto bo a un convenio con "la Caixa" e Arela de apoio pedagóxico e impúxose unha sanción de 1.200 euros á empresa que executou a obra do pavillón de Lavacolla, polo retraso de 28 días no remate da mesma.

Finalmente, acordouse ampliar o prazo para que as comisións de festas dos barrios e parroquias de Compostela poidan solicitar axudas para as festas patronais. O prazo, que remataba en maio, amplíase ata o 20 de agosto.

Peonalización do Ensanche
Preguntado polo funcionamento da peonalización das rúas de Xeneral Pardiñas, Alfredo Brañas e República do Salvador esta pasada fin de semana, o alcalde apuntou que non se rexistraron "grandes dificultades", ao "non haber nin comercio nin hostalería". A previsión é manter esta peonalización nas fins de semana ata finais de xuño, e "logo valoraremos a continuidade". A partir do próximo sábado, anticipou, engadiranse novas áreas peonís no entorno da zona sur do Ensanche.

Bonoparking
Tamén a preguntas xornalísticas, neste caso sobre o bono de estacionamento para a realización de compras no comercio compostelán, previsto no Plan Marco de Reactivación Económica, o alcalde indicou que se está en conversas coa propiedade dos parkings por se existise unha solución tecnolóxica para vincular estes bonos ao tícket de compra. "Se non fora posible, teremos que buscar un método para que os comercios poidan emitir este bonoparking. Temos unha partida orzamentaria de 100.000 euros para este gasto e queremos poñelo en marcha ao longo deste mes de maio", apuntou Sánchez Bugallo.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: