XUNTA DE GOBERNO

Xeneral Pardiñas, Alfredo Brañas e República do Salvador serán rúas peonís esta fin de semana

08/05/2020 A Xunta de Goberno aprobou este venres os plans de desescalada municipais en varias materias. Así, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou medidas como a peonalización de varias rúas do Ensanche, o incremento dos servizos no transporte urbano ou a recuperación do sistema de estacionamento da ORA.

En canto á peonalización de rúas, o rexedor anunciou que mañá se publicará e entrará en vigor un bando da Alcaldía no que se regula a prohibición da circulación de vehículos nas rúas de Xeneral Pardiñas, Alfredo Brañas e República do Salvador, nun horario comprendido entre as 12:00 horas do sábado 9 e as 24:00 horas do domingo 10 de maio. Nese período unicamente poderán entrar nestas rúas os vehículos para acceder aos garaxes ou ao estacionamento público. "Se a experiencia funciona ben –indicou- a vindeira semana engadiríamos outras rúas como Fernando III O Santo ou Santiago de Chile".

O bando tamén establecerá a indicación de que "os peóns deberán circular pola dereita", unha medida que, en palabras do alcalde, "simplificará o movemento dos peóns e axudará a evitar contaxios". Ao longo da vindeira semana, o Departamento de Tráfico sinalizará estas indicacións con elementos adhesivos e antideslizantes.

Desescalada no rural
Tamén a propósito das persoas viandantes, neste caso do rural de Compostela, o alcalde indicou que dende o Goberno municipal se entende que "todas as zonas do rural están incluídas entre as zonas onde non rexen os límites horarios para paseos e deporte". Non obstante, apuntou que "hai uns espazos intermedios que deben ser determinados entre os departamentos de Urbanismo e de Tráfico", en referencia a "aqueles núcleos rurais que están incluídos en barrios maioritariamente urbanos". Puxo como exemplo destes núcleos algúns existentes en zonas como Conxo, Sar ou San Lázaro.

Ademais, recordou que o PXOM identifica 109 núcleos rurais no municipio. Deste xeito, dixo, "poderíanse ver beneficiados por esta medida uns 17.000 veciños e veciñas, e sumándolle os núcleos rurais das zonas urbanas, en torno aos 20.000".

Ao fío desta desescalada, Sánchez Bugallo aproveitou a rolda de prensa pare expresar a súa preocupación polas concentracións de persoas detectadas nalgúns parques públicos, como os do ámbitos do Sar e do Sarela, o Parque Eugenio Granell ou a Alameda. Recordou que "Santiago ten unha enorme amplitude de zonas verdes e non pechamos os parques en ningún momento porque facilitaban que as persoas dispuxeran de espazos de seguridade e evitaban riscos innecesarios". Citou como exemplo destes comportamentos "preocupantes" a tendencia a pararse para falar nos sendeiros destes parques, condicionando o paso do resto de viandantes.

Unha vez máis, o alcalde fixo unha chamada á "responsabilidade", porque "non hai corpos policiais coa capacidade para estar vixiando cada comportamentos". Afirmou estar "globalmente moi satisfeito" co comportamento da cidadanía, pero apuntou que "sería terrible unha volta atrás". Apuntou como dato que, no día de onte, "só quedaban en Santiago 3 persoas na UCI e 17 hospitalizadas". Este é "un dato extraordinario, pero necesitamos que isto siga mellorando", engadiu.

Recuperación dos servizos de transporte urbano
Outro plan de desescalada é o que afecta ao transporte urbano, un servizo que a día de hoxe funciona a un 32% da súa capacidade e cun 7% de usuarios respecto a antes da declaración do estado de alarma. Os autobuses rexistran unha media de 4,4 viaxeiros.

"De momento a oferta de transporte é moi superior á demanda, pero a partir da semana que vén daremos un novo salto coa recuperación de liñas, o que implicará que a partir luns contemos co 55% dos servizos ordinarios, e a partir do sábado e do domingo con case o 70%", explicou o alcalde. "Veremos como responde a demanda e se seguimos ampliando, ou non hai demanda que sustente a ampliación do servizo", aclarou.

ORA
Sánchez Bugallo tamén anunciou a recuperación do sistema de estacionamento da ORA. "A partir do luns, o servizo funcionará con normalidade, pero só con carácter informativo. Manterase a ORA tal como está na praza de Abastos e irase recuperando noutros ámbitos como o Ensanche ou o Casco Histórico, pero os/as axentes, durante esta vindeira semana, limitaranse a informar aos/ás usuarios/as sobre comportamentos incorrectos e de que, no caso de non dispor de tícket, serán sancionados/as a partir do luns 18.

Lembrou que "o estado de alarma está nun proceso de reaxuste e nos temos que ir reaxustándonos. Os comercios estaban cerrados e o luns abrirán e queremos que as persoas que queiran facer uso dese comercio teñan onde aparcar", engadiu sobre esta cuestión.

Así pois, durante a vindeira semana, as prazas de estacionamento regulado de longa duración serán libres de pago e sen obriga de rotación, mentres que o conxunto de prazas da zona xeral serán libres de pago, pero coa obriga de rotación. No caso de non rotar, os/as axentes emitirán o conseguinte boletín, pero a efectos informativos, sen sanción.

As prazas de curta duración (entorno da praza de Abastos) que están activas neste momento manterán as súas condicións actuais tanto na obriga de pago coma de rotación.

Outras áreas
Na Xunta de Goberno tamén se aprobou o plan de desescalada dos Servizos Sociais, de aplicación a partir do luns. "Esperamos aprobar tamén o luns o programa de desescalada para o conxunto da Administración pública, e progresivamente iranse aprobando os plans de centros socioculturais, instalacións deportivas e educación", explicou o rexedor, tendo en conta que "para algúns destes ámbitos aínda non sabemos as condicións".

Terrazas
O alcalde tamén anunciou para hoxe mesmo un decreto da Alcaldía, con efectos inmediatos, para "posibilitar que entre os servizos técnicos municipais e a hostalería, a través da comisión seguimento, se poida regularizar o espazo das terrazas sen seguir o procedemento ordinario, pola vía de emerxencia". Iso si, insistiu en que a instalación das terrazas deberá "ser compatible cos demais usuarios da vía pública". Subliñou que un dos aspectos que se está estudando en relación ás terrazas é o de que o comercio tamén poida saír á rúa en determinadas datas do final da primavera.

Plan de reactivación do sector cultural
O plan de reactivación pendente é o do sector cultural, porque, en palabras do alcalde, "estabamos esperando a que saíra o plan do Estado, aprobado este martes, e o da Xunta. Estamos ultimando o noso e pretendemos sacalo ao longo da semana que vén".

Afirmou que se está mantendo unha "continua interlocución cos axentes culturais" e que se fará "unha aposta decidida pola cultura e pola cultura do entorno máis inmediato. Non imos rescindir ningún contrato, senón reformulalos, nalgúns casos cambiando datas e noutros axustando condicións". Indicou que esta aposta por artistas do noso entorno "é coherente cun escenario no que non poderá haber grandes eventos por un prazo de tempo que aínda non podemos determinar".

Pleno extraordinario
Finalmente, o alcalde anunciou a celebración dun pleno extraordinario o xoves 14 as 17:00 horas. Ademais, na Xunta de Goberno deste vindeiro luns someteranse a aprobación varios documentos de carácter económico, cuxo contido dependerá en parte de se o Goberno do Estado publica ou non o decreto para dispor do superávit.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: