ALCALDÍA

A Subdelegación do Goberno entrega 15.000 máscaras ao Concello

07/05/2020 A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, entregou ao Concello de Santiago 15.000 máscaras cirúrxicas. A entrega, na que estivo presente o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, tivo lugar na praza do Obradoiro. O rexedor agradeceu esta axuda que, sinalou, súmase "ás 10.000 unidades que o domingo pasado foron recollidas pola Policía Local" e que están sendo distribuídas no transporte público, incluído o servizo de taxis.

As 15.000 máscaras entregadas ao Concello de Santiago foron recollidas pola responsable de Protección Civil en Santiago, Begoña del Río, para distribuir segundo as necesidades e prioridades que vaian xurdindo nestas primeiras fases de desescalada. Sánchez Bugallo indicou que "estamos á espera de que poidan abrir os centros socioculturais, para os que se vai reservar unha parte". Outra parte quedará en reserva, "por si se reabren os centros de ensino de 0 a 6 anos", engadiu.

A Subdelegación do Goberno na Coruña completa hoxe, con esta entrega de Compostela e coa de Ribeira, a distribución de 167.000 máscaras nos concellos de máis de 20.000 habitantes. Nos municipios de menos de 20.000 habitantes, as máscaras estanse a repartir a través de Deputación provincial.

Tamén hoxe, a Subdelegación do Goberno na Coruña está levando a cabo o operativo de entrega a diferentes entidades sociais da provincia, nun dispositivo coordinado por Cáritas, Cruz Vermella e o Comité Español de Representantes de Personas con Discapacidad (CERMI). En total, entre concellos e entidades sociais, o organismo está a distribuir máis de 200.000 máscaras, no marco da segunda fase do operativo disposto polo Goberno Central para repartir un total de 344.000 unidades na nosa provincia, que se suman ás 250.000 que se entregaron cando finalizou o permiso laboral retribuído, despois da Semana Santa.

Compartir: