PATRIMONIO

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade formará parte do plan de relanzamento turístico que prepara Turespaña

04/05/2020 A Comisión Executiva do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade reuniuse na tarde deste luns de forma telemática coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, para traballar de maneira conxunta nun plan de relanzamento do turismo nacional nas 15 cidades. O presidente do Grupo e alcalde de Eivissa, Rafael Ruiz, destacou que "é importante que conten coas 15 cidades para o plan de relanzamento que Turespaña está a organizar, co lema "España espérate". Evidentemente, o Grupo ten que apoiar ese plan de recuperación e cremos que o selo da Unesco ten que ser unha marca máis coñecida polos españois, xa que o primeiro turista que nos vai a visitar é o nacional".

Durante o encontro, a ministra Reyes Maroto recalcou que o turismo está a ser prioritario na axenda do Goberno durante a crise do COVID-19, debido a que é un dos sectores máis beneficiados do ambicioso paquete de medidas aprobadas para protexer o tecido empresarial e o emprego.

En palabras do presidente do Grupo, "estamos moi agradecidos por ter a oportunidade de ter unha reunión coa ministra nun momento tan complicado. Énchenos de orgullo que o Goberno teña presente o Grupo de Cidades Patrimonio, como quedou patente nunha reunión de dúas horas. A ministra pediunos que lle trasladásemos as nosas inquietudes e, nese sentido, todos estivemos de acordo en que o primeiro é trasladar ao Goberno de España a petición de flexibilización da Lei de Estabilidade Orzamentaria, xa que a xestión das nosas cidades a partir desta crise sanitaria será máis complexa".

Nese sentido, sinalou que "aspectos como o acceso aos nosos monumentos, ás nosas prazas ou ás praias, no caso das cidades que temos costa, será máis complexo, e todo iso require un reforzo en medios humanos e Policía. Ao final trátase de dar máis servizo á cidadanía e aos turistas. Por esa razón, é o momento de poñer o superávit dos concellos ao servizo dos cidadáns".

Entre as reclamacións que trasladaron os alcaldes, figuran outras medidas como "reactivar a contratación pública e que poidamos adxudicar obras que temos encima da mesa, con todos os trámites parados. Sería bo para reactivar a economía que as Cidades Patrimonio puidesen licitar obras, tamén nos centros históricos", explicou o presidente do Grupo.

Con respecto á promoción turística, Rafael Ruiz lembrou que "as nosas cidades teñen tamén un rico patrimonio natural e as actividades turísticas no medio natural empezarán a moverse a partir do 1 de xullo.

A preocupación polos protocolos de seguridade foi outro dos aspectos abordados na reunión. "O Ministerio está a traballar en toda unha serie de protocolos de seguridade, en colaboración con patronal, sindicatos e o Instituto para a Calidade Turística, de forma que imos ter 19 guías de seguridade dirixidas a diferentes colectivos como hoteis, restaurantes ou comercios, entre outros. Evidentemente, nas nosas cidades sempre van unidas a promoción do patrimonio coa cultura, o comercio ou a gastronomía. Xa sabemos que os nosos restaurantes terán que cumprir unha serie de normas que son unha novidade para todos", engadiu Rafael Ruiz.

O resultado do encontro, segundo o presidente, permite albergar esperanzas: "Cara o futuro, esperamos que sexa posible facer unha trazabilidade dos contaxiados, de forma que teñamos destinos máis seguros. Ademais, xa se está traballando en prototipos para analizar a mobilidade con criterios sanitarios, de forma que a toma de decisións para a promoción turística sexa máis efectiva e máis segura. Ao fin e ao cabo, o reto das cidades e dos destinos agora mesmo é a seguridade sanitaria e esta seguridade dánola o noso servizo de saúde pública", apuntou.

Por último, o presidente do Grupo de Cidades Patrimonio engadiu que "queremos agradecer todo o esforzo que se está facendo dende o Goberno de España. Cremos que é importante que exista unha unidade de criterio e as Cidades Patrimonio teñen un gran potencial, xa que ofrecen un amplo abanico de visitas ao aire libre e tamén espazos monumentais que se poden visitar camiñando".

Para continuar traballando nesta liña de colaboración, o vindeiro mércores celébrase outra reunión telemática dos alcaldes e alcaldesas das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade de España coa secretaria de Estado de Turismo, María Isabel Oliver, que tamén participou na reunión desta tarde.

Compartir: