ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal sube este domingo ás redes sociais a peza "Compostela", dedicada á cidadanía de Santiago

02/05/2020 O pasodoble "Compostela" e o bolero "Mira que eres linda" son as dúas pezas que a Banda Municipal de Música de Santiago programou para este domingo ao mediodía a través das redes sociais da formación e do Concello de Santiago. Ao non poder continuar cos seus habituais concertos do domingo a causa do estado de alarma decretado pola pandemia da COVID-19, a Banda está a subir ás redes sociais vídeos das súas audicións musicais. O obxectivo é que a cidadanía poida desfrutar da súa música, como o viña facendo ata que comezou a crise sanitaria.

A primeira peza, "Compostela", composta por Bernardo del Río, está dedicada a toda a cidadanía de Santiago. Con ela queren animar a todos os composteláns e compostelás e agradecerlle ás traballadoras e traballadores dos servizos esencias o labor que están a realizar. A segunda peza, "Mira que eres linda", é un coñecido bolero do compositor cubano Julio Brito, inmortalizado por Antonio Machín, co que a Banda Municipal de Música, dirixida por Casiano Mouriño, quere homenaxear a todas as nais neste primeiro domingo de maio. A semana pasada xa nos ofreceron "Rhapsody in blue" de Gershwin, con Alberto Busto, membro da Banda, como trompeta solista, e o pasodobre "Aniversarios," de Simón Couceiro.

Ademais da Banda Municipal de Música, tamén a Real Filharmonía de Galicia está a compartir os seus concertos e audicións a través, principalmente, do seu Twitter. Uns concertos, os das dúas formacións, que tamén se poden ver a través da Axenda C de Compostela Cultura; e que se están etiquetando, igual que as distintas actividades de ocio da Concellaría de Acción Cultural e do Departamento de Lingua, baixo o cancelo #Compostelaquedanacasa.

A Axenda C conta cun boletín que informa semanalmente da oferta cultural da cidade. As persoas interesadas pódense suscribir nesta Axenda C.

Compartir: