POLÍTICAS SOCIAIS

O teléfono 010 atendeu 2.050 chamadas dende a súa posta en marcha

02/05/2020 0 19 de marzo entraba en funcionamento o 010, o teléfono de axuda municipal, atendido polos voluntarios e voluntarias de Protección Civil. Dende ese momento e ata o 1 de maio incluído, recibiu 2.050 chamadas, a maioría delas solicitando tíckets especiais de compra.

Do total de chamadas, 1.183 foron solicitando participar no programa de atención social a través do tícket especial de compra, que busca facilitar a adquisición de alimentos e produtos de primeira necesidade a aquelas persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade. Este tícket pode trocarse nos seguintes establecementos: El Corte Inglés - Hipercor; Eroski Center Choupana; Familia República Arxentina; Aquié; Froiz Frei Rosendo Salvado; Froiz praza do Toural; Supermercado Marisol (rúa Ordes, 1. Pontepedriña); A Horta da Avoa (Travesa Carme de Abaixo, 1); Carrefour As Cancelas; Frutas Sita (Quiroga Palacios, 57); Gadis Os Concheiros; Gadis Vista Alegre; Gadis Meixonfrío; Gadis Montero Ríos; Gadis Fernando III; Gadis Doutor Teixeiro; Gadis Rúa Nova Abaixo; Alimentacion Obdulia. Super Melia (Quiroga Palacios, 69); Alcampo; Supermercado Taygon (Avenida de Castelao, 24. Vite); Día Polígono Costa Vella; Día Vidán; Día Concheiros e 24 H De Noche (Fernando III, 13).

Dende o inicio do servizo xa se repartiron preto de 3.100 tíckets a case 1.170 familias, o que supón algo máis de 3.060 persoas atendidas con este recurso. En total, chamaron ao 010 1.574 persoas sen recursos.

O segundo maior número de chamadas refírese á solicitude de alimentos (380), que os propios voluntarios e voluntarias de Protección Civil se encargan de repartir directamente.

Sobre información xeral relacionada coa enfermidade, coa situación actual e cos distintos servizos municipais recibíronse 664 chamadas.

O día que máis chamadas atenderon os/as voluntarios/as de Protección Civil foi o 26 de marzo, con 191.

Teléfono 010
O Concello ten habilitado o teléfono de asistencia social á veciñanza 010 para a atención a persoas en situación de vulnerabilidade:

* Persoas maiores que vivan soas ou con outra persoa tamén de idade avanzada.
* Persoas en situación de dependencia, que vivan soas ou que o seu coidador principal non poida exercer adecuadamente o seu rol por atoparse baixo os efectos da enfermidade.
* Persoas con problemas de saúde crónica e/ou persoas con discapacidade e mobilidade reducida.
* Ausencia de apoio familiar e/ou social.
* Inadecuada rede de apoio familiar e/ou social
* En situación de fraxilidade por dispoñer de factores de risco sanitario.

Horario de funcionamento do 010: de 8.00 h a 20.00 h

Fóra dese horario:

* Protección Civil: 981 543 105
* Policía Local: 981 542 323

Compartir: