XUNTA DE GOBERNO

O Concello require ao Mercado de Abastos medidas preventivas inmediatas fronte ao COVID-19

29/04/2020 A Xunta de Goberno Local, nunha sesión extraordinaria celebrada na mañá deste mércores, acordou remitir á sociedade cooperativa xestora do Mercado de Abastos a adopción, de xeito inmediato, de medidas preventivas fronte aos riscos derivados do COVID-19. Tamén se estableceron as normas para a realización de mudanzas.

En canto ás medidas requiridas ao Mercado de Abastos, deben adoptarse con carácter inmediato as seguintes:

• Os traballadores e traballadoras non irán traballar con máis de 37 graos de febre ou síntomas respiratorios, ou se houbo contacto próximo cunha persoa infectada.
• Realizar un lavado de mas frecuente con auga e xabón ou solución hidroalcohólica.
• Evitar o contacto estreito e manter unha distancia de máis dun metro coas persoas, especialmente aquelas con síntomas catarrais.
• Sempre que sexa posible, débese establecer un sistema de traballo en quendas, con rotación de empregados para minimizar riscos sen que varíe a atención e servizo á clientela.
• Limpeza e desinfección dos postos de traballo en cada cambio de quenda.
• Lavado e desinfección diaria dos uniformes. As prendas téxtiles deben lavarse de xeito mecánico en ciclos de lavado a 60/90 graos centígrados.
• Os traballadores e traballadoras das distintas tendas empregarán os equipos de protección individual que correspondan (máscaras e luvas).
• Evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca, xa que as mans facilitan a transmisión. Evitalo igualmente cando se usen luvas e máscaras.
• Os traballadores e traballadoras das distintas tendas da Praza de Abastos cubrirán as vías respiratorias cun pano desbotable ou co antebrazo ao tusir ou esbirrar e deben desbotalo de xeito adecuado.
• Limparase e desinfectaranse todas as superficies, equipos de traballo, utensilios, mostradores, TPV das caixas rexistradoras, agarres de carros e cestos, etc.
• Realizarase limpeza e desinfección frecuente das instalacións, con especial atención a superficies (portas, mobles, lavabos, solos, teléfonos, etc.) Para esta acción debe empregarse lixivia de uso doméstico diluída en auga, extremándose as medidas de protección fronte a axentes químicos.
• Deberán efectuar un control adecuado do aforo: organizar a entrada da clientela por quendas, evitar aglomeracións fóra e dentro das naves para gardar sempre a distancia de seguridade de 2 metros. Recoméndase que a estancia nas naves sexa a mínima necesaria.
• Instalaranse carteis visibles con estes datos nas entradas das propias naves.
• Será obrigatorio manter a distancia de seguridade entre clientela, produtos e persoal nas zonas de pago, exposición e conservación das mercadorías.
• Tendo en conta as limitacións e recomendacións das autoridades sanitarias limítase o aforo das naves 2, 3, 6 e 7 (cun aforo máximo de 32 persoas), e das naves 1, 4, 5 e 8 (cun aforo máximo de 43 persoas). No caso das naves 3 e 4 pecharase a entrada ás mesmas dende o corredor principal e farase a entrada e saída controlada por persoal, dende o corredor máis próximo á igrexa de San Fiz.
• Instalaranse carteis visibles con estes datos nas entradas das propias naves.
• Fomentaranse os medios de compra non presenciais e os servizos de entrega a domicilio
• Promoverase o pago dos medios electrónicos (tarxeta, móbil).
• Medidas organizativas: evitarase coincidir nos espazos reducidos como vestiarios e aseos e controlarase o acceso de provedores, ademais de fixar horarios para a entrega de mercadorías.

Mudanzas
A Xunta de Goberno tamén adoptou medidas en relación á ocupación da vía pública, autorizando as solicitudes de mudanzas sempre que se cumpran unha serie de medidas que non poñan en perigo a saúde dos residentes do inmoble no que se levarán a cabo. Informarase á veciñanza da actividade proxectada e adoptaranse as medidas de protección establecidas na regulación de riscos laborais e especialmente as aprobadas polo Goberno por mor da crise sanitaria motivada pola COVID-19.

Esta autorización está sometida ao cumprimento dunha serie de condicións, entre as que destacan:

• Mentres o camión estea realizando calquera tipo de movemento, ningún usuario da vía pública ou vehículo poderá estar dentro da súa área de risco e activaranse de forma automática os seus sinais acústicos e luminosos.
• Fóra do horario de traballo, deberá estacionarse o camión de tal forma que non impida o paso de vehículos ou persoas nas condicións habituais.
• Garantirase o paso de peóns, os accesos a garaxes, portais, locais comerciais e servizos de interese xeral en condicións de seguridade.
• Disporase de sinalistas dotados co vestiario e elementos de sinalización homologados.
• Acoutarase e delimitarase a zona de traballo e os seus accesos, sinalizando debidamente a superficie de ocupación autorizada.
• Deberán cumprirse todas as normas relativas á seguridade e hixiene no traballo e o establecido na actual normativa.
• As empresas asumirán a responsabilidade da seguridade dos seus traballadores e con relación á vía pública e ás persoas que por ela transiten, e responderán dos posible danos que se ocasionen en bens e servizos municipais de terceiros.

A Concellaría de Mobilidade e Seguridade Cidadá remitirá por correo electrónico a correspondente autorización no caso de que se cumpran todas as condicións para a mesma. Antes da ocupación da vía pública, os/as solicitantes deberán responder ao correo precisando as cuestión requiridas, como necesidade do corte de rúa ou carril, acceso ao ámbito do casco histórico e percorrido a realizar, concreción de día e hora, etc. Deberá remitirase a comunicación, como mínimo, con 24 horas de antelación.

Documentos relacionados



Compartir: