MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

Os Bombeiros amplían os seus labores de desinfección grazas a un camión proporcionado polo Ministerio de Transportes

28/04/2020 Os Bombeiros de Santiago dispoñen dende hoxe cun novo vehículo, proporcionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para incrementar e complementar os labores de desinfección que os Bombeiros veñen realizando dende hai semanas en diferentes puntos da cidade. Así, utilizarán un vehículo quitaneves, con capacidade para transportar 9.500 litros de auga para nebulizar diversas áreas da cidade.

O vehículo esparexerá unha mestura de auga con hipoclorito por debaixo do 0,5% e empezará a súa ruta de desinfección ás 21:30 horas de hoxe. Tamén sairá o xoves e a partir de aí farase unha vez por semana.

A ruta de desinfección deste vehículo abranguerá os polígonos do Tambre e da Costa Vella, as inmediacións do Estadio Verónica Boquete de San Lázaro e do Multiúsos Fontes do Sar e varias rúas da cidade: praza de España, rúa de San Caetano, rúa da Pastoriza, rúa dos Basquiños, rúa de San Roque, rúa das Rodas, rúa da Virxe da Cerca, rúa da Ensinanza, transito da Mercé, rúa da Senra, avenida de Xoán Carlos I, avenida das Casas Compostela, avenida de Rosalía de Castro e avenida do Mestre Mateo.

Compartir: