POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello súmase á celebración do Día Internacional do Pobo Xitano

08/04/2020 Este 8 de abril de 2020 será o primeiro Día Internacional do Pobo Xitano que se viva baixo un estado de alarma a causa da crise do COVID-19. Por iso, dende a comunidade xitana queren reflectir como esta pandemia está golpeando a toda a sociedade e, en particular, á súa etnia. O Concello apoia un ano máis a esta celebración.

Ademais do golpe en forma de distanciamento social polo confinamento e do golpe á economía, a comunidade xitana denuncia que esta crise supuxo un golpe á súa imaxe social, "non só contribuíndo á estigmatización da comunidade xitana como chivo expiatorio, senón provocando situacións de desigualdade de trato e discriminación que poñen de relevo a existencia do cruel antixitanismo que ata agora percibíamos como de perfil baixo".

Nestes momentos de crise sanitaria, a FSG está centrada en dar unha resposta eficaz a quen máis o necesita. A súa prioridade, explican, é estar preto das persoas máis vulnerables, polo que reforzaron a atención e o asesoramento ás persoas, á súa situación sanitaria e social, resolvendo e xestionando axudas ou prestacións, ou derivando a recursos dispoñibles, tanto públicos como privados. Tamén continúan co seu labor de loita contra a discriminación, de sensibilización e de incidencia social e política, estando en contacto permanente cos poderes públicos e outros axentes implicados nesta crise sanitaria e social.

Hai 49 anos, o 8 de abril de 1971, un grupo de xitanos/as de diversos países visibilizaron e trasladaron os desexos de recoñecemento do Pobo Xitano e o recordo das súas vítimas ao longo da historia. Dende o Grupo de Participación Xitana (GPG) da Fundación Secretariado Xitano queren contribuír a ese recoñecemento entendendo esta data como un día para a participación, para a reivindicación e para a reflexión.

Este 8 de abril é unha boa data para reivindicar un tradicional dito xitano, que ten servido como saúdo durante as itinerancias do Pobo Xitano e que hoxe en día é máis citado que nunca. Do romaní, a lingua xitana, "Sastipen thaj mestipen"; en galego, "Saúde e liberdade".

Compartir: