ALCALDÍA

O Goberno municipal traballa para que todo o paquete de medidas de activación económica estea operativo antes da reapertura do comercio

08/04/2020 O Goberno municipal segue traballando no paquete de medidas para a activación económica da cidade tras a crise do COVID-19. O obxectivo, segundo adiantou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, é que todo este conxunto de accións poidan estar operativas na primeira quincena de xuño e sempre antes de que se produza a apertura do comercio.

Sánchez Bugallo explicou que un punto no que hai consenso entre comerciantes, autónomos e pequenos empresarios é o de que "é importante sacar este paquete de medidas mentres que os establecementos están aínda pechados, para dispor desas axudas e asesoramento cando abran". Por iso, contando cos prazos necesarios para recepción de solicitudes, formalización de convenios e contratos e resolución de solicitudes, situou a operatividade deste conxunto de medidas municipais na primeira quincena de xuño. "Se se adiantara a apertura do comercio teriamos que buscar fórmulas para reducir estes prazos", indicou.

O alcalde agarda aprobar o paquete de medidas a próxima semana e agradeceu a colaboración e acollida por parte de diferentes asociacións e persoas que achegaron as súas ideas. Neste sentido, destacou que "máis do 90% das propostas tiveron unha acollida fantástica". A que suscitou "división de opinións" foi a do outlet, unha acción sobre a que "se tomará unha decisión no momento oportuno, que dependerá da data de reapertura de comercio. En calquera caso, asegurou, a idea descartaríase "se non concita consenso no sector".

Apuntou que estas medidas, que se centran fundamentalmente en comerciantes, pequenas empresas e autónomos, "os máis fráxiles e que precisan unha axuda máis directa", xa están tamén a disposición dos grupos municipais, cos que se falará sobre as mesmas.

Preguntado pola posibilidade de outorgar axudas directas, o rexedor explicou que "o volume das axudas que pode outorgar o Concello é moi limitado, polo que nós vemos estas axudas como un complemento ás axudas doutras administracións, para que o sector as rendibilice o máximo posible". Así, citou as axudas e avais do ICO, cun interese dun 1,5% ou as do IGAPE, cun 1,75% de interese, e indicou que "nós podemos axudar a pagar ese interese, e por iso tamén puxemos un tope de 1.000 euros".

Insistiu na "carencia de medios" do Concello para facerse cargo de axudas de maiores importes nunha cidade que "conta con 1.300 comercios, máis de 1.000 establecementos de hostalería e sobre 6.0000 autónomos". Por iso, dixo, o Concello o que busca coas súas axudas é "unha maior rendibilidade social e operativa".

Prioridade: a atención social
O alcalde tamén aproveitou a rolda de prensa para reiterar que, nesta crise, "o obxectivo prioritario do Concello é que todas as persoas de Santiago reciban unha atención adecuada". Ofreceu cifras actualizadas, como as das "681 familias (unhas 1.800 persoas) que están acollidas ao tícket especial de compra, ás que hai que sumar outras 300 persoas do programa de renda social e os/as 265 nenos/as que teñen o servizo de comedor escolar". Ademais, felicitouse pola "volta á normalidade no seu funcionamento" da Cociña Económica, tras a incorporación, plenamente recuperadas, da súa directora e dalgunhas das súas integrantes a este servizo "tan útil e necesario".

"Todos os servizos públicos seguen a funcionar: sanidade, Cruz Vermella, Cáritas, Policía Local, Bombeiros, Protección Civil..., conseguindo que ningunha persoa de Santiago se sinta abandonada á súa sorte e, polo contrario, se sinta acubillada e protexida polo conxunto da sociedade", apuntou Sánchez Bugallo, quen lembrou que nestes últimos dez días, os Servizos Sociais do Concello atenderon telefonicamente 5.700 persoas.

Ese compromiso plásmase igualmente na porcentaxe de baixas entre o persoal municipal que, "lonxe de aumentarse, reduciuse respecto ao mesmo mes do ano pasado, o que indica a implicación dos funcionarios e funcionarias co servizo público", destacou o rexedor, quen agradeceu a traballadores/as e voluntarios/as o seu labor, porque "están dando o mellor de si mesmos".

Igualmente, como en cada rolda de prensa, estendeu o seu agradecemento aos cidadáns e cidadás pola "extraordinaria colaboración na inmensa maioría dos casos. A vida cidadá está transcorrendo cunha relativa normalidade dentro da situación excepcional, sen maior problemas que os propios do que estamos a vivir dende o punto de vista sanitario e económico".

Dispoñibilidade de máscaras
Preguntado pola posibilidade de que o Concello puidera repartir máscaras de protección entre a cidadanía, indicou que "para repartir máscaras, primeiro hai que telas" e "neste momento non as hai nin en Santiago nin en ningún lado". O Concello, segundo dixo, dispón dun número limitado de 4.000, "a mellor cifra que tivemos ao longo de todo o proceso", que se están utilizando para os diversos servizos municipais.

Lembrou que se o Goberno do Estado acorda a necesidade de levar máscara, a condición xa anunciada é "ter máscaras para ofrecerlle aos cidadáns". En calquera caso, apuntou que o Concello colaborará se os Gobernos español e autonómico toman algunha decisión ao respecto e se "efectivamente recibimos as máscaras".

O Son do Camiño
Outra das preguntas foi a relativa ao festival O Son do Camiño, cuxa decisión sobre a celebración, suspensión ou aprazamento corresponde á Xunta de Galicia. "A nós o que máis nos gustaría é que o festival se manteña e, se se ve que en xuño é moi forzado, non veriamos mal xullo ou setembro"

Hospital de campaña
O rexedor tamén se referiu á posibilidade da posta en marcha do hospital de campaña no Multiúsos de Sar. "Espero que non sexa necesario. A dispoñibilidade da instalación está e, ata onde eu sei, a Xunta tomará a decisión sobre a montaxe ou non a semana que vén", dixo o rexedor, quen apuntou que "aínda hai oferta sanitaria non utilizada a día de hoxe e marxe para acoller a máis persoas, pero é importante que a previsión exista".

Primeiro condenado por reincidencia
Finalmente, o alcalde apuntou que "antonte, por primeira vez, un xulgado ordenou o ingreso dunha persoa que negaba o acollemento e reincidía en estar na rúa". Afirmou que, mediante un xuízo rápido, foi condenado a dous meses de prisión, e expresou que "seguramente, se tramitarán máis denuncias deste tipo".

Direcciones relacionadas



Compartir: