EDUCACIÓN E POLÍTICAS SOCIAIS

Un total de 265 escolares benefícianse do servizo extraordinario de comedor posto en marcha polo Concello de Santiago durante o estado de alarma

26/03/2020 265 escolares estanse a beneficiar do servizo extraordinario de comedor, un servizo de catering posto en marcha polo Concello de Santiago co obxectivo de garantir, durante o estado de alarma, a alimentación dos/as menores beneficiados/as polas bolsas de comedor, na modalidade de escaseza de recursos.

Co estado de alarma decretouse o cese de actividade dos centros escolares, o que representaba un problema para as familias de Santiago que gozaban de bolsas de comedor para os seus fillos e fillas, xa que quedarían sen ese servizo. Destas bolsas, na modalidade de escaseza de recursos, benefícianse, este curso 499 escolares. De xeito inmediato, o Departamento de Servizos Sociais púxose en contacto telefónico coas familias beneficiarias para comunicarlles que o Concello de Santiago poñía á súa disposición un servizo de catering co que, a través dun contrato de emerxencia para tal fin, se garantía ese servizo de comedor.

O servizo estase prestando a un número aproximado de 265 nenos e nenas. As familias recollen os menús cociñados -en liña fría-, o luns e mércores de cada semana, nos CEIPs públicos das Fontiñas, Lamas de Abade, Quiroga Palacios, Pío XII e Apóstolo Santiago, centros que elas mesmas escolleron. Cada un deses días levan os menús -consistentes nun primeiro prato, un segundo e un postre- correspondentes aos días seguintes ata a nova recollida. Polo de agora, a acollida desta iniciativa está a ser "moi boa", segundo explica a concelleira de Educación, Noa Díaz, que quere agradecer tanto ás familias como ao persoal implicado a súa boa disposición no proceso de entrega, no que se garanten todas as medidas de seguridade requiridas polo COVID-19.

A iniciativa, posta en marcha polos departamentos de Educación e Servizos Sociais, responde á necesidade de manter un servizo esencial para moitas familias do Concello, "e aínda máis nun tempo no que moitas delas inevitablemente verán mermados os seus recursos por causa da crise económica que está a xerar o Covid-19", afirma Noa Díaz. "Este Concello non pode darlle as costas a todas esas familias beneficiarias das bolsas de comedor e menos aínda á nova realidade que moi probablemente xurdirá a raíz desta crise", engade.

Compartir: