ALCALDÍA

A partir do vindeiro xoves 19 de marzo non se permitirá o cobro en efectivo nos autobuses urbano

16/03/2020 A Xunta de Goberno ordinaria tomou conta de varias medidas acordadas en relación coa crise do coronavirus, entre elas a eliminación do cobro en efectivo no transporte urbano ou a interrumpución dos prazos dos procedementos administrativos tramitados polo Concello. O rexedor e a concelleira de Políticas Sociais tamén mantiveron hoxe unha xuntanza cos responsables das cadeas alimenticias para garantir a suministración de productos, especialmente para a poboación en risco.

Antes de nada, o alcalde quixo agradecer á cidadanía de Compostela o seu comportamento durante esta primeira fin de semana de vixencia do estado de alarma. "Hai un seguimento francamente moi positivo do conxunto de normas e medidas", indiciu e engadiu que "non vai ser doado" pero que "traballando entre todos imos conseguir superalo".

O Concello tomou conta e acordou a interrupción de todos os prazos e os procedementos en tramitación, desde periodos de exposición ao público ata o prazo de inscrición nas escolas infantís municipais, que estaba previsto abrir hoxe, etc. Así mesmo, tamén quedan suspendidos os prazos de prescrición e caducidade de todos os procedementos administrativos. O cómputo dos prazos reanudarase cando deixe de estar vixente o estado de alama. No caso de dúbida, pódense empregar os teléfonos de Información Cidadá.

Na xuntanza tamén se abordou a situación do servizos de titularidade municipal. A alcaldía estableceu por decreto aqueles que se consideran esenciais e estableceuse o funcionamento dos restantes servizos co obxectivo de que esta situación non supoña a paralización da actividade municipal. O vindeiro mércores terá lugar unha nova reunión da Xunta de Goberno local, en este caso en sesión extraordinaria, na que se abordarán as decisións con relación aos servizos públicos que se están prestando a través de empresas concesionarias (limpeza, alumbrado, parques e xardíns, etc).

En canto ao transporte urbano, tomouse a decisión que non permitir o cobro en efectivo a partir do vindeiro xoves. Os usuarios deberán polo tanto ter a tarxeta ou o abono correspondente, xa que non se poderá comprar o billete dentro do propio autobús. Probablemente a partir do xoves tamén se produza un reaxuste das unidades que prestan servizo. Neste ámbito tamén se tomaron outras medidas como trasladar as máquinas de billetes á parte traseira do autobús ou inhabilitar a primeira fila de asentos para manter as distancias de seguridade co condutor.

O alcalde tamén deu conta de que a Policía local queda ás ordes da Subdelegación do Goberno, aínda que segue a funcionar no Concello o Centro de Coordinación Operativo municipal, que se reúne todos os días.

Preguntas
A preguntas dos xornalistas sobre se se mantén o pagamento da ORA, o alcalde respondeu que de momento o único cambio adoptado é a supresión da rotación. "En todo caso", engadiu, "na reunión do xoves valoraremos a posibilidade de suprimir o servizo de grúa é ORA".

Sobre o control de aforo nos autobuses, Sánchez Bugallo, explicou que son supervisados polos condutores. Sinalou que "na supervisión que se está efectuando por parte do Concello, obsérvase un estricto cumprimento da normativa". Engadiu que hai un descenso significativo do número de usuarios e que o nivel de ocupación dos autobuses é, de momento, mínimo, quedando lonxe do tercio autorizado.

Sobre o peche dos parques e xardíns da cidade, estase facendo un seguimento por parte do concello. O alcalde non descarta pechar o conxunto de parques públicos, despois de que o pasado sábado se acordase pechar os parques infantís. É unha decisión que sinalou, aínda non está tomada, pero "á luz de como vaian discurrindo as cousas, non descartamos que se poida adoptar no momento en que se considere oportuno".

Sánchez Bugallo tamén explicou que de momento non se multou a ningún cidadán: "déronse avisos a establecementos que non pecharon no horario e estase facendo un seguimento de determinados tipos de comercios. Estamos pendentes de todo, pero de momento non se formulou denuncia algunha porque non se considerou necesario facelo. O cal non quita que, se hai desobediencia, pois loxicamente se tramitarán esas denuncias. Pero de momento non nos atopamos con esa situación", engadiu.

Reunión con supermercados
O rexedor tamén se referiu á reunión mantida esta mañá con representantes de disintas superficies comerciais que venden alimentos: Aquié, Carrefour, Día, Eroski, Froiz, Gadis, Hipercor, Mercadona e Praza de Abastos; e na que estaba presente a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro.

Sánchez Bugallo explicou que os asistentes á xuntanza lle comunicaron que hai garantía de subministro para toda a cidadanía e que queda garantido o subministro a aquelas persoas que por razón de idade ou procesos de cuarentena non poden saír da casa. "En ese sentido, habilitouse ou vaise habilitar por practicamente todas as cadeas de supermercados, unha liña telefónica", subliñou.

Tamén o concello vai habilitar unha liña de teléfono pensando, segundo explicou Sánchez Bugallo naquelas persoas maiores que non teñen Internet. Trátase, reiterou, de "garantir á atención as persoas que o precisen, e garantir o subministro alimentario". Esta liña non sería só para "cuestións de tipo alimenticio, senón para outro tipo de necesidades ou servizos que poidan xurdir, como ir buscar algún medicamento, ou porque precisan algún tipo de atención". En calquera caso, engadiu, "dentro do Centro Coordinación Operativa quedou integrada está mañá a Cruz Vermella", que xestiona unha importante rede de voluntarios e voluntarias.

Tamén se tratou na xuntanza a colaboración co concello e a través de entidades como a Cociña Económica, Cáritas, etc. Era, explicou o alcalde, unha liña de colaboración que xa viña existindo, pero que se interrumpira a semana pasada porque quedaron sen existencias. Agora que está normalizada a situación, "tamén se vai normalizar ese subministro de alimentos", continou.

O alcalde tamén se referiu ao programa no que está traballando a concellaría de Políticas Sociais, de atención a persoas dependentes e a e menores. "Espero que o teñamos pechado para o vindeiro mércores", dixo. Sánchez Bugallo explicou que, ao pechar os colexios tamén se interrumpe o servizo de comedores, "polo tanto estamos fixando unha reunión coa empresa que prestaba este servizo para, ao longo desta semana, habilitar un programa que facilite as comidas no domicilio tanto a estes menores, como a persoas dependentes que o poidan necesitar".

Sobre as persoas que están na rúa, explicou que o concello falou con Cruz Vermella. "Faránse percorridos e falarase con estas persoas", dixo. "Están identificadas 10 persoas, que se lles vai ofrecer unha ubicación en albergues e pensións. Outra cuestión é que sucede se se negan a aceptar esta solución". Esa pregunta, engadiu, formularase hoxe á Subdelegación do Goberno para ver se é posible, dacordo coa Lei de Emerxencia, obrigalos "a que se teñan que recoller nun recinto pechado, Ata o momento esa solución non é factible, porque so o xuíz pode ordenar o ingreso forzoso desas persoas en centros de atención. O que si se lles vai ofrecer é praza en albergue ou pensión. Tamén se lle vai facilitar comida". O rexedor engadiu que a Cociña Económica seguirá funcionando, aínda que en lugar de dar comidas dentro do recinto, se lles vai facilitar un tupper co almorzo, a comida e a cea, ás persoas que acudan a este servizo.
Sobre o funcionamento da Praza de Abastos, o alcalde reiterou que debe permanecer aberta porque "ten como misión garantir o subministro alimentario da poboación, polo que ten que ter un trato semellante ao de outras superficies comerciais" que vendan alimentos. Engadiu que deber ser a xerencia deste mercado a que ten que velar para que se cumpran as recomendacións en materia de seguridade.

Á pregunta de se hai algunha decisión tomada sobre os contratos municipais, o rexedor respondeu que aínda non. "Estamos á espera do Consello de Ministro de mañá martes, que vai aprobar o conxunto de medidas que dicte o goberno en relación con estes contratos. A nosa intención é abordar esta cuestión na Xunta de Goberno extraordinaria que se celebrará o mércores. Esperamos ter, daquela, o marco legal para tomar as decisións oportunas".

A respecto de se interrumpen as obras públicas, o alcalde afirmou que "o noso criterio é que continúen as obras de Concheiros, así como as que se están desenvolvendo en diferentes puntos da cidade. Con todo", engadiu, "son decisións provisionais que poden ser revisadas ao longo de todo este proceso".

Voluntariado
Sobre o voluntarido, o alcalde sinalou que "é un tema que lle parece importante salientar, xa que están xurdindo na cidade iniciativas de organización de voluntarios".

O primeiro que hai que decir, sinalou o rexedor, "é que agradecemos todas esas iniciativas que responden a unha vontade de colaborar e participar en facer fronte á problemática derivada desta situación sen precedentes, pero pedimos moita prudencia".

Actualmente hai dous equipos de voluntarios que están traballando e que, segundo explicou Sánchez Bugallo, son suficientes polo momento: a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e a Cruz Vermella. "Cada voluntario integrado nestas entidades, ten que ter unha formación e un seguro que o cubre", lembrou o alcalde. Polo tanto, continuou, "determinadas iniciativas personais, feitas coa mellor das intencións, ao final poden acabar derivando en problemas importantes, dado que estamos ante unha situación excepcional que ten unhas restriccións de mobilidade, entre outras moitas cousas como todos a estas alturas coñecemos".

Polo tanto, o alcalde pide a todo o mundo que manteñan esa actitude, e no momento en que estas agrupacións precisen máis voluntariado porque non teñan capacidade para atender a demanda de servizos, "por suposto se fará unha peticion pública de novos voluntarios. Mentres tanto, prudencia".

Segundo explicou o alcalde, esta é unha situación excepcional que afecta á mobilidade das persoas. "Vai a ser probablemente máis restrictivo aínda, e polo tanto ten que estar perfectamente coordinado", engadiu.

Direcciones relacionadas



Compartir: