ACCIÓN CULTURAL

A segunda xornada do Festival Atlántica enche de contos os centros socioculturais de Santiago

11/03/2020 No seu segundo día de actividade, o Festival Atlántica vai desenvolver a súa programación nas sedes de Ferrol, Ourense, Vigo e Teo, amais dos espectáculos de Santiago. Así, está previsto que este xoves, 12 de marzo, os/as protagonistas do día sexan os centros socioculturais, con catro funcións nas que participarán seis artistas do Festival, todas elas gratuítas ata completar o aforo.

As actividades van comezar ás 18:30 horas no Centro Sociocultural das Fontiñas, onde o salmantino Fernando Saldaña representará o Peixe de ouro, un espectáculo para todos os públicos baseado no conto clásico. Nel nárrase a historia de avaricia dunha familia que, tras recibir un desexo por parte dun peixe, quere máis e máis e máis.

Á mesma hora, no Centro Sociocultural de Santa Marta estarán os brasileiros Aline Cântia e Chicó do Céu brindando unha función de Contos de lá nos cantos de cá. Todas as historias desta obra para público infantil e familiar acontecen nunha inmensa árbore baixo a cal un avó de Minas Gerais se detén para descansar. Alí, sentado nun tronco, comeza a contar contos: o da árbore xenerosa ou o dun par de zapatos namorados. Narra contos que viñeron de lonxe, contados por camiñantes que chegaban alí traendo historias do mundo: dunha princesa medorenta, dun neno que danzaba coas abellas ou dunha árbore de froita amarela, da orixe das estrelas ou do amor entre Godofredo e Estela. Contos que convidan o espectador a silenciar os ruídos externos e a entrar no tempo do "había unha vez...".

Un chisco máis tarde, ás 19:00 horas, comezará a función Pim, pam, pum!, do venezolano Rubén Martínez, no Centro Sociocultural de Vite. Trátase dun convite para contar contos todos e todas sen excepción. A imaxinación, o xogo, a complicidade e a re-creación son algún dos ingredientes desta proposta para público familiar onde a participación está garantida.

A partir das 21:00 horas, o Centro Xove da Almáciga, o público adulto vai ter a oportunidade de gozar cunha sesión dobre de contos a cargo do palestino Ghaleb Jaber e do galego Santi Prego. Baixo o título de Regalo da memoria, Jaber vai compartir co público unha escolma de relatos da tradición oral que escoitou da boca do seu avó Ibrahim. E logo dese paseo por Palestina chegará a quenda de Prego e O teatro máis pequeno do mundo, un espectáculo onde caben todo tipo de contos: os participativos, os improvisados, os da tradición oral galega e tamén as historias con bonecos.

Os narradores
O salmantino Fernando Saldaña é, ante todo, e sobre todo, contacontos. Tamén é mago, actor, director de teatro, ilustrador e humorista gráfico. Saldaña ten traballado na radio e en televisións locais, foi deseñador gráfico, locutor, profesor de circo e de programas informáticos... Pero o que máis lle gusta é contar historias. Saldaña asenta a narración nos obxectos cotiáns, nos xogos de maxia, en bonecos e monicreques, no seu corpo e na súa voz, para que o espectador viva cada unha das súas palabras, como el as goza cando sobe a un escenario.

A contadora Aline Cântia e o músico e compositor Chicó do Céu traballan xuntos dende hai dez anos en investigacións, proxectos e camiños compartidos. No 2011 fundaron o Instituto Cultural Abrapalavra, que xa gañou quince premios por diferentes traballos ligados á tradición. O Instituto traballa na produción de traballos que dialogan con recollidas de tradición oral, estudos independentes, creación de grupos de narradores de historias e actividades de formación artístico-cultural. Co obxectivo de descentralizar e democratizar o traballo artístico, o Instituto adoita realizar accións nacionais e locais, de carácter continuo ou permanente.

Rubén Martínez é xornalista, músico, escritor, actor, contacontos e director do Festival de Narración Oral de Barcelona "Munt de Mots". Atesoura 35 anos de profesión, cheos de creatividade, traballo e moita imaxinación. Foi pioneiro da narración oral en Venezuela, Chile e Cataluña. Como escritor posúe unha obra extensa de contos, teatro e poesía. Como xornalista colaborou nos medios El Tiempo de Colombia, El Mercurio de Chile, El Nacional de Venezuela ou Le Monde Diplomatic (Francia), entre outros. Na súa faceta de músico ten varios discos onde é autor da música e letra.

Ghaleb Jaber Ibrahim naceu en Ainabus-Nablus (Palestina) en 1950 e chegou a España en 1970 para cursar Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciou e doutorou na especialidade de Cardioloxía. Case decontado espertou a súa vocación empresarial e realizou estudos de Mestrado en Dirección de Empresas. No ano 2003 doutorouse en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e tamén en Ciencias Políticas. É asesor da representación do Goberno palestino en España. Dende 1984 preside o Grupo Araguaney e é, ademais, fundador e presidente de honra da Fundación Araguaney-Puente de Culturas.

Santi Prego é actor de teatro, cine e TV, titiriteiro e narrador oral. Comezou a contar a mediados dos anos noventa en institutos e as súas historias xa pasaron por teatros, casas da cultura, bibliotecas e mesmo en programas da televisión como Apaga a lus e tamén na Radio Galega. Foi nomeado aos premios Goya 2020 na categoría de mellor actor revelación. O seu xeito de contar é moi visual e aliméntase principalmente de fontes literarias. Nas súas historias sempre hai maxia e poesía e nunca falta un elemento de comicidade sutil.

Retirada de convites
Para rematar, a organización do Festival Atlántica desexa lembrar ao público que para o espectáculo Unha aventura singular: o gato con botas, con Charo Pita e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, baixo a dirección de Casiano Mouriño, cómpre retirar os convites gratuítos por adiantado no Teatro Principal. Esta función será o vindeiro sábado 14 de marzo, ás 18:30 horas, no propio teatro.

Direcciones relacionadas



Compartir: