ACCIÓN CULTURAL

O proxecto Wom@rts publica un informe sobre a fenda de xénero nas Industrias Culturais e Creativas europeas

10/03/2020 Os esforzos na promoción da igualdade de oportunidades para as mulleres na contorna cultural europea aínda non son suficientes. Esa é unha das conclusións que se desprenden do informe que vén de ser publicado polo proxecto Wom@rts. Co obxecto de reducir a notoria carencia de datos respecto á participación das mulleres como axentes e consumidoras na cultura europea, o informe compila un amplo abano de documentos legais, directivas, programas e estudos científicos sobre o fomento da igualdade nas ICC’S publicados entre 2000 e 2017 e analízaos coa fin de identificar escenarios urxentes para a posta en marcha de accións. Ao tempo, traza unha serie de medidas que poden ser aplicadas polas autoridades europeas e diferentes grupos de interese para contribuír a mudar a situación.

Coordinado polo Auditorio de Galicia, socio promotor do proxecto Wom@rts, e desenvolvido ao longo de 2018 co apoio do programa Europa Creativa, o informe ofrece unha diagnose intersectorial das industrias culturais e creativas e aborda os espazos tradicionais e os dixitais. Así, o denominado State of the Arts Report about the Situation of Women Artists and Professionals in the Cultural and Creative Industries Sector in Europe busca presentar unha imaxe completa da presenza da muller no ámbito cultural europeo e ofrece unha mostra das redes e asociacións que tratan de dar maior voz ás mulleres nas artes e na cultura. Ademais, inclúe unha inspiradora listaxe de boas prácticas emerxidas dende diferentes ámbitos e orixes xeográficas e argumentos para promover o cambio seguidos dunha serie de recomendacións.

Nas súas conclusións, a diagnose determina que, pese aos esforzos reguladores desenvolvidos pola Unión Europea, as estatísticas xerais existentes amosan que as mulleres están claramente infrarrepresentadas na gran maioría dos sectores das ICC’s.

Tempo de lecer: consumos tradicionais e dixitais
A publicación destaca que, malia que son os homes os que contan con máis tempo de lecer (con case unha hora ao día de diferencia), as mulleres invisten máis ca eles en actividades culturais tradicionais. Isto acontece en case todos os países da UE con contadas excepcións, como Romanía e Portugal, onde eles asisten, por exemplo, a máis actuacións en directo. A mesma situación reprodúcese en case todos os subsectores culturais (performances, música, cine, museos…) salvo nos festivais e certames de banda deseñada, nos que a participación das mulleres é lixeiramente inferior á dos homes.

O balance muda ao analizar os contidos dixitais de lecer, é dicir, as actividades relacionadas con Internet e as tecnoloxías da comunicación nos medios sociais. Nestes casos, obsérvase que, en xeral son os homes os que máis tempo dedican a xogos en liña, ao visionado de filmes ou á escoita de programas musicais e de radio na rede.

Emprego cultural, presenza, apoio e recoñecemento das mulleres: lagoas importantes
A investigación sinala que, en termos de emprego total e segundo as estatísticas de Eurostat, seguen a ser maioría os homes que traballan na cultura na UE, onde ocupan un 54% do mercado laboral. Isto acontece, apúntase, pese a que a presenza das mulleres é maioritaria en boa parte dos países analizados (24 deles rexistran maior emprego feminino, mentres que só son 9 os países que dan emprego a máis homes neste sector). A diferencia do balance explícase polo peso que algúns países como España, Francia, Reino Unido ou Holanda, con maior emprego masculino, exercen no resultado xeral.

Así, a investigación mantén que o teito de cristal segue a ser un problema na cultura europea, tal e como ocorre noutros sectores económicos. Os informes e estatísticas analizados amosan que as mulleres, aínda cando contan con máis cualificacións que os homes, gañan salarios máis baixos e teñen un máis difícil acceso a cargos de responsabilidade. Como exemplo, os datos aportados por escolas de cine, por universidades de alto nivel con ensinanzas en Artes e Humanidades, ou polos museos máis frecuentados, probaron que, en xeral, os homes son os encargados da xestión en todos os subsectores (no 87% dos casos).

O estudo sinala tamén que, ao longo da historia recente, as mulleres artistas e creadoras veñen sufrindo unha acusada falta de recoñecemento, cunha presenza claramente menor nas nóminas dos premios internacionais e nacionais máis prestixiosos. Ponse por caso que só 14 mulleres foron galardoadas co Premio Nobel de Literatura dende a súa creación, o que supón apenas un 12% do total de premios nesta categoría.

Boas prácticas e redes
Finalmente, a publicación ofrece un catálogo con 25 exemplos de boas prácticas (manifestos, compromisos, iniciativas), articulados dende diferentes ámbitos, subsectores e orixes, que están a provocar e promover debates, desenvolver actividades en rede ou potenciar a visibilidade e accesibilidade das mulleres artistas e das profesionais das artes e a cultura nos medios de comunicación. Inclúe tamén unha ampla listaxe asociacións e redes que procuran dar voz ás mulleres e promover a súa presenza en termos de igualdade a nivel nacional e internacional.

O Proxecto Wom@rts
Wom@rts é un proxecto plurianual de cooperación financiado polo programa Europa Creativa, que procura pór en valor e fomentar a creatividade das mulleres dende unha perspectiva intersectorial. Dirixido polo Auditorio de Galicia, desenvólvese entre 2017 e 2021 e nel participan diferentes organizacións públicas e privadas sen ánimo de lucro, como a Fundación Municipal de Cultura do Concello de Avilés, a rede escandinava WIFT (Mulleres en Cinema e Televisión), o Concello de Vilnius (Lituania), o Centro Audiovisual Simone de Beauvoir e a Communauté d’Agglomération du Grand Angoulême (Francia), a Escola Limerick de Artes e Deseño (Limerick Institute of Technology, Irlanda), o Hay Festival de Literatura e Artes (Reino Unido), a Academia Universitaria de Artes Aplicadas en Rijeka (Croacia), e o museo UGM Maribor (Eslovenia).

Ao longo destes anos, o proxecto desenvolveu unha serie de actividades dirixidas a fomentar a igualdade de participación da muller nas artes. Entre elas, destácase a formulación e promoción dunha carta para a defensa das prácticas igualitarias na cultura; a creación dunha rede embaixadoras conformada por artistas e intelectuais de sona comprometidas co proxecto; o desenvolvemento dunha plataforma en liña para a promoción das mulleres nas artes; a organización de residencias artísticas nos campos do gravado, a banda deseñada e as artes dixitais emerxentes; a apertura e itinerancia dunha exposición conmemorativa do 70 aniversario da publicación do libro de Simone de Beauvoir O segundo sexo coas obras desenvolvidas durante as residencias artísticas; a organización e coordinación de clases maxistrais, talleres e conferencias, cursos de formación para creadoras e emprendedoras culturais; ou a participación de artistas e intelectuais en diferentes festivais culturais internacionais.

Direcciones relacionadas



Compartir: