ALCALDÍA

O CSC do Ensanche exhibe a exposición fotográfica "Cegasal, unha asociación de persoas para as persoas"

10/03/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, inaugurou no Centro Sociocultural do Ensanche a exposición "Cegasal, unha asociación de persoas para as persoas". A mostra exhibe 24 imaxes, realizadas polo fotógrafo coruñés Diego Silva, na que os/as protagonistas son os/as traballadores/as dos centros, persoas con distintas discapacidades, pero con moita competencia a nivel profesional.

Trátase dunha mostra itinerante concibida como unha reportaxe documental, que estará no CSC do Ensanche ata o 14 de marzo. Antes pasou pola Deputación e o Concello de Lugo, o Parlamento de Galicia e o Círculo de Empresarios de Galicia de Vigo e da Coruña. Agora chega a Santiago grazas á aposta do Concello por este tipo de iniciativas, destinadas a visibilizar o labor que realizan os centros de emprego sen ánimo de lucro e a súa importancia na vida das persoas con discapacidade.

A exposición pon en valor o traballo que realizan estas empresas, destacando as capacidades dos traballadores que conforman os cadros de persoal. A maiores, achega á sociedade o labor destes centros e promove unha cultura empresarial inclusiva, que entende a diversidade como un activo xerador de valor social e económico.

Ademais do alcalde, na inauguración estaban presentes, entre outros, José Antonio Vázquez, presidente de Cegasal; o autor das fotos, Diego Silva; Guadalupe Rodríguez Silva, técnica de Centros Socioculturais; e Javier Ferreiro, técnico de Emprego.

Cegasal
Cegasal é a asociación empresarial galega de carácter multisectorial que aposta por facilitar a inserción laboral de persoas con discapacidade, a través do traballo que se realiza nos centros especiais de emprego de iniciativa social (CEEIS) e coas propias persoas con discapacidade.

Creada no ano 1997 e cun crecemento responsable e sustentable, desenvolve entre outros proxectos, plans de formación, intervencións na resolución de conflitos e participación en accións de colaboración e posicionamento empresarial dos intereses xerais dos centros especiais de emprego representados.

Nos centros especiais de emprego de iniciativa social fomentan o traballo de calidade para as persoas con discapacidade e en situación de risco de exclusión social, cuns valores comúns ás 31 empresas que conforman a organización.

Compartir: