POLÍTICAS SOCIAIS

A nova convocatoria das axudas do "bonotaxi" incorpora como posibles beneficiarios/as a persoas que sigan un tratamento médico periódico

10/03/2020 A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, presentou as bases da convocatoria de concesión de axudas individuais para o uso do servizo de taxi como medio alternativo para persoas con dificultades de mobilidade ou que presentan limitacións para o uso do transporte colectivo. A novidade deste ano é a incorporación como posibles beneficiarios/as de persoas que estean seguindo un tratamento médico periódico en centros hospitalarios da cidade. Acompañaron a concelleira na rolda de prensa os técnicos municipais Javier Maroño e Eva González.

Mila Castro animou os/as posibles beneficiarios desta convocatoria a solicitar estas axudas e a informarse sobre este recurso que teñen ao seu dispor, que incluso pode ser compatible con outro tipo de axudas de transporte doutras administracións. Pola súa parte, Javier Maroño lembrou a necesidade de gardar todas as facturas e documentos que acrediten o gasto para logo xustificar a axuda.

Beneficiarios/as e requisitos
Poden beneficiarse destas axudas persoas que residan en calquera parte do municipio con discapacidade que afecte gravemente á súa mobilidade, que lles dificulta o uso do transporte colectivo; ou con discapacidade visual, cun grao de limitación igual ou superior ao 75 %, que residan en calquera zona do municipio. Este ano incorpóranse como posibles beneficiarios/as aquelas persoas sometidas a tratamentos periódicos en centros hospitalarios da cidade, que acrediten dificultades para conducir e para o uso de transporte público.

En canto ao rural, poden optar a estas axudas persoas con calquera grao de discapacidade que residan neste ámbito, pola menor frecuencia de liñas de transporte público; as afectadas por calquera doenza que lles impida conducir e, en xeral, persoas maiores residentes no contorno rural deste concello.

Os requisitos para solicitar a estas axudas son: estar empadroados/as en Santiago; pertencer a algún dos colectivos de poboación indicados; dispor duns ingresos persoas inferiores ao 300% do IPREM, isto é 19.362,24 euros anuais, calculados en 12 pagas; que a persoa solicitante careza de vehículo adaptado ou no poida utilizalo; e non ser beneficiario/a do transporte adaptado 065 para a mesma finalidade.

As cantidades a percibir por cada persoa serán 350, 250 ou 150 euros, en función dos seus ingresos.

Presentación
As solicitudes estarán dispoñibles no Departamento de Políticas Sociais, nos puntos de atención de Servizos Sociais Municipais, na Oficina de Atención ao Cidadán e na web municipal. Deberán presentarse segundo os modelos normalizados que aparecen na convocatoria e entregarse no Rexistro Xeral do Concello (rúa do Presidente Salvador Allende, 2-4) en horario de 9:00 a 13:00 horas, ou en calquera órgano dos sinalados na Lei 39/2015, do 1 de outubro. A convocatoria abrirase en canto sexa publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Dende o día seguinte á publicación, o prazo será de 15 días hábiles.

Documentos relacionados



Compartir: