ALCALDÍA

Compostela acolle este xoves o Foro Empresarial 2020 de AJE Galicia

10/03/2020 Este martes presentouse no Pazo de Raxoi o Foro Empresarial 2020, nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; o presidente de AJE Galicia, Luciano Covelo; e a vicepresidenta da entidade na provincia da Coruña, Beatriz Cibreiro. O Foro celebrarase este xoves 12 de marzo, a partir das 9:30 horas, no Edificio CINC da Cidade da Cultura.

Sánchez Bugallo destacou a importancia de foros coma este, xa que "o futuro da economía pasa polo emprendemento" e chamou a atención sobre a trascendencia dos cambios tecnolóxicos e mesmo dos novos modelos de traballo, tan de actualidade a propósito da crise do coronavirus.

Pola súa parte, Luciano Covelo mostrou o seu "orgullo por presentar esta iniciativa organizada por AJE Galicia, que nace coa intención de ser anual, e que reúne a persoas do mundo do emprendemento de primeiro nivel".

O encontro celebrarase este xoves 12 marzo no edificio CINC da Cidade da Cultura. O seu obxectivo é servir como escenario de mesas de debate sobre financiación, Industria 4.0 e punto de encontro para facer contactos con outros/as emprendedores/as. É un evento dirixido a emprendedores/as, directivos/as, profesionais, institucións e universitarios/as con inquietudes por desenvolver o seu propio negocio.

Programa
As acreditacións comezarán ás 09:30 h. Media hora despois será a apertura oficial, coa presencia do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; do presidente de AJE Galicia, Luciano Covelo; e da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. Tras ela haberá unha mesa de debate sobre financiación, un dos aspectos que máis preocupan aos/ás emprendedores/as, coa participación das sociedades de inversión Xesgalicia y Alma Mundi, ademais de Abanca e Segofinance, e a propia Oficina de Financiación de CEAJE. Despois darase paso a un dos relatores máis esperados, Emilio Duró, coa conferencia "Non vale renderse". Duró é unha figura dentro do mundo do emprendemento. Na actualidade, e dende hai máis de 25 anos, traballa como consultor e formador en primeiras empresas españolas.

Antes do xantar, intervirá o conselleiro de Economía, Francisco Conde. Logo virá Yaiza Canosa, outra das protagonistas da xornada, que encarna á perfección o espírito de AJE Galicia e deste encontro. Aos seus 25 anos, esta muller coruñesa fundou tres empresas. Actualmente é a CEO de GOI, especializada no sector loxístico, con grandes clientes como IKEA, onde revolucionou un sector especialmente masculinizado grazas ao uso da tecnoloxía.

A xornada pecharase cunha mesa de debate sobre a Industria 4.0, moderada pola propia Yaiza Canosa, en torno á imprescindible dixitalización das empresas e os retos tecnolóxicos. Para iso estarán as compañías Tecalis, Forensics & Security, Livetopic e Sivsa.

Como colaboradores deste Foro empresarial 2020, ademais do Concello, tamén participan a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta, o Igape e Abanca. Ata mañá mércores está aberto o prazo de inscrición en www.ajegalicia.com/foro2020.

Direcciones relacionadas



Compartir: