EDUCACIÓN

"O Can de Milu" protagoniza a XX Campaña de Animación á Lectura, que chegará a máis de 5.000 escolares

10/03/2020 Outro ano máis e xa van vinte, o Departamento de Educación do Concello de Santiago coa colaboración da Editorial Kalandraka pon en marcha a Campaña Municipal de Animación á Lectura, que este ano leva por título "O can de Milu", en referencia ao traballo de Mariann Máray (Hungría) que resultou gañador do XII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados. As actividades da Campaña chegarán a máis de 5.000 escolares da bisbarra e comarca entre o 24 de marzo e o 9 de abril.

A concelleira de Edudación, Noa Díaz; a coordinadora de Kalandraka Editora, Manuela Rodríguez; e a responsable do Departamento de Educación, Beatriz Varela, presentaron a XX edición da Campaña. Este é o segundo no que se conta coa colaboración da Fundación Abanca, que pon a disposición a sede do Centro Abanca Obra Social situado na praza de Cervantes para o desenvolvemento das actividades.

Esta iniciativa comprende un conxunto de iniciativas en prol da animación á lectura para as familias, o profesorado, os nenos e as nenas de educación infantil e primaria e as librarías de Santiago, e inclúe exposición de ilustracións, sesión formativas para docentes, sesións de contos e música e talleres de escrita creativa e ilustración. Tamén se inclúen actividades abertas para familias, con sesións para pre-lectores/as con contos con música.

O amor polos animais
O libro premiado, que serve de eixe temático dos contidos que se traballarán durante mes e medio, trata sobre o amor polos animais, a amizade incondicional ante as adversidades e, sobre todo, a liberdade. O can de Milu, de Mariann Máray, é a historia dunha nena e da súa peculiar mascota, que se converte no seu gran compañeiro de xogos e de diversión. Ter un animal de compañía é unha responsabilidade importante: a súa alimentación, a supervisión do seu crecemento e as visitas veterinarias son aspectos que non pasan desapercibidos neste libro.

Tamén destaca a ausencia de prexuízos da protagonista fronte ao rexeitamento doutras persoas -baixo a influencia de estereotipos e convencións sociais- á diversidade: Peluso é "moi especial", como ela mesma expresa con entusiasmo. O intenso e abundante colorido das ilustracións transpórtanos dende o bosque á cidade, pasando polo fogar, coa natureza como destino e espazo de reflexión e de liberdade.

Por iso este ano, o Departamento de Educación quixo facer partícipes da Campaña, tanto á Fundación Refuxio de Animais de Bando coma ao Club "Só lles falta falar. Cans de familia".

A Fundación Refuxio de Animais de Bando asenta a súa liña de traballo de protección dos animais en tres piares: a prevención do abandono (a través da sensibilización social, do control do censo, da esterilización, etc), a promoción de boas prácticas en relación cos animais e o fomento de adopcións.

O Club de cans de familia "Só lles falta falar" nace no ano 2008 coa finalidade de fomentar a tenza responsable de cans e a súa plena integración na sociedade. Con este obxectivo, organiza actividades coma roteiros por diferentes lugares, charlas formativas ou visitas aos centros nos que os cans desenvolven unha función de soporte terapeútico. Actualmente, o Club está formado por 260 socios e 180 cans.

A participación tanto do refuxio de Bando como do Club de Cans de Familia, permitirá que durante esta Campaña o profesorado, os nenos e nenas e as súas familias poidan coñecer máis de preto o labor que están a desenvolver estas entidades e participar en sesións de estimulación cognitiva, sensorial e psicomotriz con cans e sesións de lecto-escritura.

Inauguración
A inauguración da Campaña está prevista para o martes 24 de marzo ás 11:30 horas. Ese mesmo día desenvolverase a sesión formativa co profesorado, á que está prevista que asistan máis de 100 profesores/as dos diferentes centros de Santiago. Na sesión coñecerán os contidos da Campaña, a proposta de actividades, participarán nos contacontos e levarán os lotes de libros que o Departamento municipal pon a disposición das bibliotecas dos centros que participan na Campaña.

Nesta campaña participan mais de 5.400 persoas: profesorado, alumnado, pais e nais e librarías da cidade.

Documentos relacionados



Compartir: